§ María Rivas lembra que o Plan de Recuperación do Goberno “está a chegar a todos os recunchos da provincia con actuacións transversais que redundan no benestar da cidadanía”
§ A subdelegada do Goberno asegura que “esta costa é un espectáculo paisaxístico que necesita de todo o noso coidado e apoio” e destaca o “retorno económico” que este roteiro ten para Camariñas
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas trasladouse hoxe ata Camariñas para supervisar os inicios dos traballos de acondicionamento da senda peonil entre Cabo Vilán e o Cemiterio dos Ingleses. Esta actuación que conta cun orzamento de 1.946.742 euros está financiada polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, a través do Plan de Recuperación.
Durante a súa visita María Rivas lembrou que o Plan de Recuperación do Goberno “están a chegar a todos os recunchos da provincia con actuacións transversais que redundan no benestar da cidadanía”. A subdelegada explicou que cada semana “percorro moitos quilómetros da provincia para supervisar e comprobar como estes fondos están a conseguir recuperar e revitalizar a nosa paisaxe, as nosas estradas, as nosas costas e en definitiva nosa economía”.
María Rivas sinalou que os case dous millóns de euros que o Goberno destinou para a recuperación deste roteiro “son máis que merecidos, porque esta costa é un espectáculos paisaxístico que necesita de todo o noso apoio, xa non só polo seu valor en si mesmo senón pola atracción turística que supón para Camariñas co consecuente retorno económico que isto implica”.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insúa, mostrou a súa satisfacción polo comezo desta obra que, tal e como trasladou á subdelegada, é un roteiro que une a todas as veciñas e veciños das diferentes parroquias do municipio que, sobre todo nos meses do verán, acoden ao cemiterio dos ingleses, á duna de Monte Blanco ou ás praias de Reira. Insúa agradeceu ao Goberno este impulso para acondicionar o que é xa un símbolo do turismo na Costa da Morte.
Durante a súa visita a subdelegada estivo acompañada pola alcaldesa, Sandra Insua, concelleiros do equipo de goberno e polo xefe de Demarcación de Costas, Rafael Eimil
Características técnicas
A actuación, que comprende o tramo que vai desde o Cabo Vilán ata o Cemiterio dos Ingleses, con con 6,539 quilómetros de longo, ten como obxectivos preservar e conservar o ecosistema natural, habilitar un paso peonil seguro, solucionar as alteracións no firme, garantir a protección sobre a costa e poñer en valor este espazo. En canto ao prazo de execución da obra é de oito meses.
Os traballos contemplados pola Demarcación de Costas en Galicia son o acondicionamento do carreiro existente, creando unha senda peonil de 1,60 metros de ancho estabilizada entre beirarrúa de madeira e cunha berma verde como zona intermedia entre a senda e os cantís.
Ademais, mellorarase a zona de tránsito de vehículos de emerxencia e de servizo. Por último, instalaranse paneis informativos sobre os valores ambientais deste espazo e melloraranse as varandas de madeira