Será ás 12 horas no cemiterio do Piñeiro e contarase coa presenza da Infantería da Mariña do Terzo Norte do Arsenal de Ferrol
Este vindeiro domingo, Día de Todos os Santos, o Concello de Ordes celebrará a tradicional misa e ofrenda floral ante a tumba de Manuel Lois García, coñecido popularmente como o ‘Soldado Lois’. Trátase dun dos actos cerimoniais máis destacados dos que se celebran no municipio, o cal se vén ofrendo ininterrompidamente nesta data dende o ano 1989. Deste xeito numeroso público mostra o seu respecto e admiración ao que é o militar máis popular e admirado do municipio, condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando.
O acto dará comezo ás 12 horas no cemiterio municipal do Piñeiro, lugar onde repousan os seus restos mortais e onde está erixido un monumento na súa memoria, onde se levará a cabo unha ofrenda floral. Estará presidido polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e polo coronel do Terzo Norte da Mariña do Arsenal de Ferrol, Alejandro Ferreira Velón. Fiel a esta cita non faltará este corpo militar cuxos integrantes levarán a cabo formacións, salvas de honor e interpretacións musicais a cargo da súa banda de música.
Na lista de convidados e autoridades tamén figuran numerosos mandos e dirixentes de corpos como a Garda Civil ou a Policía Local. Tamén están convidados os alcaldes dos demais concellos da Mancomunidade, así como concelleiros da corporación, membros do equipo de goberno e representantes eclesiásticos.
Historia do Soldado Lois
Nado no municipio de Ordes en maio de 1912, Manuel Lois García ingresa no Grupo das Forzas de Infantería da Mariña en Ferrol. Ese mesmo ano pasa a servir no cruceiro Baleares, asignándoselle como posto de combate o de telefonista do canón 4.
Será a comezos do mes de setembro de 1937 cando navegando por costas alxerianas avisten unha formación cun importante cargamento de material de guerra con destino Cartaxena e Alacante, composta por 4 vapores, 2 cruceiros e 7 destrutores. O Baleares decide atacar, recibindo un impacto que provoca que un cascote penetre na parte alta da caixa de urxencia que contén proxectís iluminadores, esbourando un deles. Como consecuencia prodúcese unha acumulación de gases no seu interior, o que supón un elevado risco tanto para a embarcación como para a súa dotación. Ante esta situación o alférez de navío D. Miguel Pardo de Donlebun solicita un voluntario para abrir a dita caixa, sendo o ‘Soldado Lois’ o primeiro en asumir o requirimento. Nada máis facelo unha enorme labarada envolveuno completamente quedando todo o seu corpo abrasado. As crónicas narran que “coas súas mans agarrou o proxectil. Os seus músculos, que non lle obedecen por estar totalmente carbonizados, fan que caia ao chan. Aínda así co seu peito empurrou o proxectil, o cal rodou pola cuberta ata caer ao mar, pasando así o perigo”.
Ese mesmo día Manuel Lois García falecía na enfermaría do buque mentres o comandante lle impoñía a Medalla Naval, título oficialmente confirmado o 27 de novembro dese mesmo ano. Posteriormente, en maio de 1939, foille concedida a Cruz Laureada de San Fernando. Ademais da súa tumba-monumento o ‘Soldado Lois’ dispón dun monumento no centro da vila, concretamente na Alameda de Ordes.