— Heriberto García explica que ata o de agora o seu departamento destinou 27,5 M€ ás obras de urbanización, adquisición de solo e traballos técnicos realizados e 6,45 M€ máis nas 40 primeiras vivendas de promoción pública rematadas neste ámbito
— Subliña que ao investimento directo executado ou comprometido pola Consellería hai que sumar os 150 M€ estimados en investimentos privados sobre o solo do IGVS
A Xunta de Galicia leva investidos xa 34 millóns de euros no barrio coruñés de Xuxán —antes chamado Parque Ofimático— entre obras de urbanización, adquisición de solo e traballos técnicos realizados (27,5 millóns) así como na construción das primeiras 40 vivendas de promoción pública rematadas neste ámbito, cun custo de 6,45 millóns de euros. A estas cifras cómpre sumar un investimento comprometido doutros 19,5 millóns de euros, que se destinarán no futuro a completar a urbanización do ámbito e á construción doutras 98 VPP.
Así o subliñou esta mañá no Parlamento o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, quen respondeu ante a Comisión 2ª a unha pregunta sobre as actuacións realizadas e previstas pola Xunta en materia de vivenda nesta zona.
En concreto, explicou que aos preto de 27,5 millóns de euros investidos pola Xunta no desenvolvemento de Xuxán hai que sumar outros 4 millóns orzamentados para o pago das próximas cotas de urbanización. Ademais, salientou que os fondos executados ou comprometidos pola Xunta neste ámbito para habilitar solo destinado á construción de vivenda protexida suporán un investimento inducido por parte dos adxudicatarios das parcelas de arredor de 150 millóns de euros.
“É evidente que foi a Xunta a administración que impulsou o desenvolvemento de Xuxán”, asegurou o director do IGVS, quen destacou en especial o esforzo realizado polo Executivo galego desde o punto de vista do financiamento e que suma en total 53,5 millóns, entre fondos xa executados e previstos en actuacións a futuro.
Así, Heriberto García incidiu na importancia do proxecto, xa que “o desenvolvemento e impulso” deste barrio traducirase en “preto de 1100 vivendas protexidas e equipamentos comerciais e nuns 200 millóns de euros entre investimentos directos e inducidos”.
Concurso para adxudicación do solo
Por outra parte, o director xeral do IGVS lembrou que o próximo 23 de marzo remata o prazo para a presentación de ofertas no concurso para a adxudicación de solo residencial convocado por Xestur a finais do ano pasado, estando prevista para o día 31 o acto de apertura das ofertas.
Ao respecto, cómpre lembrar que a Xunta oferta no barrio de Xuxán 5 parcelas nas que se poderán construír arredor de 244 vivendas protexidas. Neste sentido, o prego de bases que rexe o referido concurso dá preferencia na adxudicación a aquelas ofertas destinadas a construír vivendas destinadas a alugueiro.