Saturday 23 de November de 2024

A obra “Karelu” volve ao Ágora co gallo do Día Mundial do Teatro


A obra, escrita e dirixida por Ismael G. Candal e Gustavo del Río, aborda o maltrato infantil e a historia familiar de dous irmáns

A obra “Karelu”, da compañía galega Os Náufragos Teatro, volve á cidade o vindeiro domingo, 26 de marzo, ás 19.00 horas, no Centro Sociocultural Ágora con motivo do día Mundial do Teatro.

A peza, que aborda o maltrato infantil, foi finalista nos Premios Florencio 2022 da Asociación de Críticos Teatrais do Uruguai e estivo proposta como mellor obra estranxeira xunto a outras tres producións internacionais en 2020. Pola súa banda, Denis Gómez tamén foi proposto como Mellor Actor nos Premios María Casares dese ano.

A obra, escrita e dirixida por Ismael G. Candal e Gustavo del Río, aborda o maltrato infantil ea historia familiar de dous irmáns. No ano 2022, a compañía Os Náufragos Teatro recibiu o Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil e familiar por “Hugo”, unha peza sobre a empatía e o valor da diferenza que fala do trastorno do espectro autista (TEA) e que está en plena xira por Galicia e o resto de España.

“Karelu”, protagonizada por Santiago Cuquejo e Daniel Otero, sitúanos no conflito sobre un feito concreto. O fillo de Martín ten un Karelu no seu brazo dereito, unha marca que deixa a roupa na pel. Unha agresión. Martín recibe a visita do seu irmán, necesita aclarar con el o que pasou e, a partir deste suceso, comeza unha viaxe ao pasado onde xorden aspectos da súa vida familiar, de cando eran nenos e como foi a educación recibida dos seus pais. Unha obra que fala da educación na contorna familiar, da violencia e da crise de valores na sociedade actual.