Friday 22 de November de 2024

As visitas de escolares ao Concello programadas para este curso remataron hoxe con alumnado do CPR Ayala


Preto dunha trintena de alumnas e alumnos do CPR Ayala desprazáronse esta mañá ao Concello para participar na iniciativa de visitas guiadas que se enmarca no programa municipal de Recursos Educativos de Apoio á Escola. Coa visita de hoxe remataron as programadas para este curso dende o Servizo Sociocomuntiario Municipal, que permitiron a uns 200 escolares participar nesta convocatoria e coñecer as instalacións e o funcionamento da administración local.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiunos no salón de plenos, onde os escolares se interesaron por saber onde vivía, os seus hobbies, a súa comida e película favoritas, algunhas anécdotas do seu traballo, o seu horario… entre outras curiosidades. Aproveitando a súa estancia no Concello, o alumnado, que estivo acompañado por unha docente do centro, visitou tamén as instalacións da Policía Local e do Arquivo municipal.
As visitas deste programa lévanse a cabo con alumnado de educación Infantil e Primaria e tamén dende o Consistorio se convocan anualmente para os escolares outras ás instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis), ao Centro de Recursos Solidarios e á Biblioteca Municipal.