Friday 22 de November de 2024

A Xunta financiará obras de mellora na vivenda comunitaria pública de Vilasantar


— Destinaranse 36.000 euros para adecuar as habitacións, nas que con anterioridade xa se renovaron todas as camas

— Así mesmo, pintaranse tanto os dormitorios como os distribuidores e instalaranse novos elementos, como biombos, espellos, portas, sanitarios ou pratos e cadeiras de ducha

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, asinará un convenio de colaboración co Concello de Vilasantar para mellorar as instalacións da vivenda comunitaria pública que o ente autonómico xestiona neste municipio e nas que investirá 36.000 euros. O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do concello, Fernando Javier Pérez Fernández, visitaron esta mañá este centro con capacidade para aloxar ata a 12 usuarios e no que actualmente reciben atención oito maiores.

Perfecto Rodríguez explicou que o Consorcio financiará os traballos, de cuxa execución encargarase o Concello. Estes permitirán continuar coa adecuación das habitacións da vivenda, nas que con anterioridade xa se renovaron todas as camas e, deste xeito, seguir aumentando o benestar e a comodidade dos usuarios.

Nesta nova intervención procederase ao pintado tanto dos dormitorios como dos distribuidores, e se instalarán novos elementos, como biombos, espellos, portas, sanitarios ou pratos e cadeiras de ducha. A actuación proxectada inclúe tamén a colocación de novos emisores térmicos ou acumuladores, así como a limpeza e revisións dos canlóns do inmoble.

Cesión de parcela
Por outra banda, Perfecto Rodríguez trasladou ao alcalde a vontade de cederlle ao Concello unha parcela de propiedade autonómica que é contigua á vivenda comunitaria. O Consorcio está a estudar a fórmula xurídica que se ten que seguir para levar a cabo esta cesión. A parcela ten unha superficie de arredor de 3.300 metros cadrados que se poderían destinar a usos municipais.