A solicitude poderá presentarse dende o luns 20 de marzo e ata o 17 de abril
De cara ao curso 2023-24, o Concello de Neda avanzou esta mañá que o próximo luns, 20 de marzo, abrirase o prazo de matrícula para novos alumnos e alumnas na Escola Infantil Municipal Os Pelegríns. Un trámite que poderá formalizarse ata o 17 de abril ben no rexistro xeral da casa consistorial ben a través da sede electrónica.
Con este servizo, a Administración local busca favorecer a conciliación das obrigas laborais co coidado dos fillos e fillas por parte das familias con nenos e nenas de cero a tres anos. Así, situado no Empedrón, o centro abre as súas portas de luns a venres de 8 a 16 horas, con xornada completa e tamén opción de media xornada e horas adicionais a esta. As prazas son dende o presente curso gratuítas.
En caso que non se completen as prazas coas solicitudes tramitadas, unha vez se peche o prazo oficial, o Concello de Neda mantería aberta a recepción de solicitudes máis aló das datas sinaladas.