A alcaldesa presidiu a presentación do libro ‘Profesor Barreiro’, promovido polo Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde a presentación do libro ‘Profesor Barreiro. Homenaxe debida a Xosé Ramón Barreiro Fernández’, que serviu para homenaxear á figura do historiador no seu segundo cabodano. A rexedora estivo acompañada no Salón de Sesión de María Pita por Ana Romero, directora do Instituto José Cornide, e Emilio Grandío, coautor da obra.
O libro recolle artigos de persoas vinculadas co historiador. “Neste libro está canalizada unha parte dese saber que desprendía Barreiro”, sinalou a alcaldesa, que definiu ao homenaxeado como “unha figura clave para entender a historia da Coruña”. Barreiro Fernández foi autor do libro ‘Historia de la ciudad de La Coruña’, de 1986, que recolle os acontecementos ocorridos na cidade na súa historia. “A través desa obra os coruñeses do presente poden mergullarse na xenuína historia da cidade e comprender porque é tan especial ser de aquí”, dixo Inés Rey. No acto tamén estiveron presentes Beatriz López e Álvaro Barreiro, viúva e fillo do historiador.