Saturday 16 de November de 2024

Alternativa de Sada denuncia que a Xunta segue sen pronunciarse sobre a planta contaminante de Obra de Paño


Alternativa dos Veciños Sada advirte de que a ameaza da Planta de Tratamento de Residuos Industriais no lugar de Obra de Paño en Lubre continúa vixente para os acuíferos, o río Maior, e os veciños de Alborelle en Soñeiro. Despois de que o Concello de Bergondo rexeitara en dúas ocasións a ubicación desta planta, a Xunta continúa sen pronunciarse ao respecto.

Dende hai varios anos existe a persistente intención de ubicar en solo rústico unha Planta de Tratamento e Eliminación de Residuos Industriais no lugar de Obra de Paño (Bergondo), limítrofe con Soñeiro (Sada). A pesar dos informes ambientais desfavorables e lapidarios do Concello de Bergondo, a empresa insiste na súa intención, e a Xunta cala.

Segundo os informes técnicos do Concello de Bergondo esta planta, que non acredita interese social algún, suporía un claro risco de contaminación ó Río Maior que desemboca na Praia de Sada, e, para ós acuíferos da zona, ademais de ter un impacto negativo en canto a intensidade do tráfico rodado, os altos niveis acústicos no tratamento dos residuos, e a repercusión do pó xerada pola planta á atmósfera.
Alternativa dos Veciños Sada pregúntase que é o que se agacha nese inusitado interese por ubicar unha planta destas características en solo rústico en vez de facelo en solo industrial? E, tamén, por qué a Xunta garda un inusual silencio ante informes ambientais tan desfavorables.

Con todo, Alternativa dos Veciños Sada continuará en contra da ubicación pretendida pola empresa por considerar que esta prexudicaría gravemente a calidade medioambiental dos veciños de Soñeiro ademais de supor un alto risco de contaminación para o Río Maior e, por conseguinte, para a Praia de Sada.