Os concellos de Oleiros e A Coruña acordaron prorrogar por 4 anos o convenio que permitía prolongar a liña de bus urbano 1-A ata Santa Cristina. Incomprensiblemente, a Xunta de Galicia non autoriza ese acordo.
O motivo que esgrime a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para impedir a renovación do convenio é o pagamento da reclamación que a empresa Cal Pita realizou ao Concello de Oleiros por importe de 49.000 euros, en contraprestación á suposta perda de pasaxeiros nos anos 2019 e 2022. Unha cantidade que non está debidamente xustificada e que, polo tanto, o Concello de Oleiros non pode aboar.
“Resulta que a Xunta agora actúa como o cobrador do frac. Cal Pita reclama unha indemnización sen xustificala, cando ademais son rutas distintas, con distintas paradas e distintos destinos. Sen documentos que acrediten debidamente esas cantidades que reclaman, o Concello non vai pagar nin un céntimo”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.
Mentres a Xunta siga posicionándose do lado dos intereses dunha empresa privada, a cidadanía quedará sen un servizo público de elevado uso, moi beneficioso para a mellora da mobilidade e que reduce o uso do vehículo privado. “Esta actitude da Xunta é unha vergoña. Estamos cansos de escoitar aos que están alí arriba que hai que utilizar o transporte público, que si hai que melloralo,… E despois nin melloran as liñas que hai, nin crean outras novas, nin permiten que un bus como este poida conectar A Coruña con Oleiros”, dixo o alcalde.