O Concello colabora coa asociación Áurega (Asociación de familias de nenos con altas capacidades, talentos e inquedanzas intelectuais) na organización da actividade “Ciencia na rúa”, enmarcada no programa de actos do Día Internacional das Mulleres. A edil de Igualdade, Mar Gómez, indicou que a cita terá lugar a partir das 17.00 horas na praza da Gándara e avanzou que no caso de choiva se trasladará ao pavillón da Mocidade, tamén na Gándara.
Este evento de divulgación, baixo o lema “Día da Muller e a nena na ciencia”, permitirá aos asistentes profundizar no importante papel que xogaron na ciencia recoñecidas mulleres. Robótica educativa, drons terrestres, proxectos Steam (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas) e experimentos. Todos os obradoiros excepto o de robótica serán de participación libre, se ben no citado haberá que inscribirse –de balde- previamente antes da realización do evento o propio día.
Obradoiros de física e química, de catapultas, drons, e unha exposición de First Lego League completan un programa a través do que se explicarán fenómenos do día a día e tamén outros curiosos, iniciando aos participantes en conceptos como o pseudocódigo, a programación e a pilotaxe de drons aéreos e terrestres. A maiores, tal e como recalcou Gómez, incidirase na importancia de reivindicar o papel da muller na ciencia ao longo da historia.