O programa do “VIII Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular” inclúe esta fin de semana a celebración dun “Encontro con programadores nacionais e internacionais e compañías de teatro galego”. A cita terá lugar a partir das 11.30 horas no Pazo da Cultura e permitirá abrir un diálogo de coñecemento e tamén que os participantes oferten os seus espectáculos para posibles programacións en diferentes festivais.
Na convocatoria participarán Octavio Arbeláez, director do Festival Internacional de Manizales (Colombia), Gustavo Zidán, director da sala Verdi de Montevideo (Uruguay), Ana Belén Santiago, da compañía Teatro del Barrio (Madrid), Carla Vallés, co directora do festival Santiago Off (Chile), Isa Aguilar, directora do FIT de Cádiz, Sergio Restrepo, director do festival Internacional de Teatro de Medellín (Colombia), entre outros recoñecidos profesionais do sector, integrantes da Red Eurolatinoamericana de Artes Escénicas.
Cada compañía disporá dun tempo máximo de dez minutos para ofertar os seus espectáculos e na entrevista poderán participar un máximo de dúas persoas por compañía, cun máximo de doce compañías participantes. “A iniciativa supón unha importante aposta polo sector teatral galego, cunha importante presencia neste festival, no que tamén hai propostas locais, como a estrea de “Entra en escena”, o vindeiro 31 de marzo, da compañía Pegadas Culturais” e tamén ao mesmo tempo, dando a coñecer os proxectos que se levan a cabo tanto a nivel autonómico como nacional e internacional”, destacou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.
As propostas do festival, a maiores dos tres monólogos desta fin de semana e da rolda de negocios inclúen tamén o domingo día 19 a asemblea dos integrantes de Redelae, que comezará ás 10.00 horas no Pazo da Cultura.