Friday 22 de November de 2024

O Concello esixirá aos propietarios dos murais de Lugrís na rúa Olmos que actúen de xeito inmediato para garantir a conservación do patrimonio


Os traballos de conservación e consolidación teñen un custo estimado de 90.000 euros, e executaranse de xeito subsidiario polo Concello se a propiedade non cumpre coas súas obrigas

O informe previo elaborado polos técnicos establece que todas as pinturas son recuperables, mais insta a actuar nun curto prazo polo deterioración que sofren e as condicións nas que se atopan

O Concello da Coruña reclamaralle aos propietarios donúmero 25 da rúa Olmos que actúen de xeito inmediato para conservar os murais pintados por Urbano Lugrís que se atopan no inmoble (un antigo restaurante) e que son tamén da súa propiedade. Lugrís é un dos pintores coruñeses máis destacados e recoñecidos do século XX e o baixo da rúa Olmos é o espazo con maior concentración de obras do autor.

Logo da visita dos técnicos municipais ao edificio o pasado mes de xaneiro, elaborouse un primeiro informe provisional sobre o estado de conservación dos murais que determinan a necesidade de actuación de forma inmediata sobre as 12 pezas que decoran as paredes do antigo restaurante Fornos.

As pinturas datan de mediados do século XX, tal e como figura na inscrición dunha delas -24 de febreiro de 1951- e están realizadas coa técnica “a secco” e pintura ao aceite. Dentro do conxunto diferéncianse dúas aplicacións: os murais da zona principal realizáronse sobre un soporte tradicional de xeso xa existente, mentres que na zona abovedada hai unha capa de morteiro de cal e area de forma previa sobre o soporte de madeira. A condición do local de hostalaría fixo que durante anos os murais estiveran expostos a fumes e vapores, procedentes da cociña así como do tabaco, oxidando a capa pictórica afectada por outros condicionantes como a ventilación, humidade e iluminación do espazo.

Os técnicos indican que as pinturas están en mal estado de conservación, mais son recuperables. É precisa unha actuación inmediata para garantir a súa conservación, polo que o Concello reclamaralle aos donos do inmoble que actúen para protexer o legado pictórico de Lugrís do que tamén son propietarios. Os murais están catalogados e protexidos e os seus donos teñen a obriga de garantir a súa conservación.

Ao tratarse dunha propiedade privada, o Concello notificará de xeito inmediato aos donos dos murais a obriga de levar a cabo os citados de traballos. De non responder ou non acometer as medidas de conservación necesarias, será o Concello o que actúe de forma subsidiaria.

O Concello notificou o pasado mes de novembro a situación dos murais á Xunta a través de Patrimonio, cando tivo coñecemento dos problemas de mantemento do edificio. Tamén solicitou que técnicos de Patrimonio acudiran a comprobar o estado das obras. Ata o momento, só os técnicos municipais accederon ao inmoble para a elaboración dun informe.