Friday 22 de November de 2024

Cabanas participou na xornada do Convenio de Transición Xusta celebrada nas Pontes


O Concello de Cabanas obtivo financiamento dos fondos de transición para o desenvolvemento e a creación dun coworking e a rexeneración do Piñeiral da Madalena por valor de 1,2 millóns de euros

O Concello de Cabanas participou hoxe nas Pontes na xornada informativa sobre os convenios de transición xusta organizada polo Goberno de España a través do Instituto para a Transición Xusta (ITJ).

O tenente alcalde de Cabanas, Iago Varela, acudiu a este encontro, cuxo obxectivo foi comunicar o traballo que se está a realizar, visibilizar os proxectos xa en desenvolvemento e informar sobre as liñas de axuda e os instrumentos para dinamizar economicamente as zonas de transición xusta, entre as que se atopa Cabanas.

O Concello de Cabanas presentou dous proxectos á anterior convocatoria, un para a rehabilitación da nave municipal de Vilar do Colo e a creación dun coworking, e outro para a mellora ambiental e dixital do Piñeiral da Madalena. Ambos os dous foron admitidos, polo que o Concello de Cabanas recibirá un total de 1,2 millóns de euros para o seu próximo desenvolvemento.

Coworking en Vilar do Colo.

O proxecto de rehabilitación da nave que o Concello ten en Vilar do Colo, e a creación na mesma dun espazo de coworking, conseguiu 706.989,45 € de financiamento nos fondos de transición, o que permitirá cubrir a carencia de espazos para o fomento do autoemprego e a creación pequenas empresas en Cabanas e os concellos de influencia.

Esta nova infraestrutura divídese en dúas plantas: a baixa albergará catro espazos destinados a oficinas individuais, unha aula de formación e un espazo para office e zona de espera; mentres que a planta superior contará cun espazo común destinado a reunións, formación e actividades de divulgación, con capacidade para uns 30 usuarios.

Mellora do Piñeiral da Madalena

Por outra banda, o goberno de Cabanas conseguiu 498.872,22 € para o proxecto de mellora ambiental e dixital do Piñeiral da Madalena, que inclúe entre as súas actuacións a rexeneración medioambiental para protexer os ecosistemas e a reforestación do Piñeiral e as zonas verdes do entorno, incluído o Parque do Areal.

Ademais, o proxecto, que afecta a 17 hectáreas nun recurso de gran valor e atractivo turístico de Cabanas, contempla a dotación de recursos para o control do volume de usuarios, localización de zonas de influencia, control de calidade da auga, sistema de megafonía e pantallas informativas así como a mellora da caseta de socorrismo e a instalación de paneis solares na mesma.