· Estudantes do IES Cabo Ortegal participarán na actividade, que terá lugar o 20 de marzo.
· O taller, impartido por investigadoras do Instituto de Geociencias (CSIC-UCM), explicará mediante experimentos conceptos relacionados coa física da atmosfera e o clima
O vindeiro luns, 20 de marzo, o Concello de Cariño acolle o taller sobre meteoroloxía e clima ‘Meteolab’, unha iniciativa impulsada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), dirixida a estudantes do IES Cabo Ortegal que dará resposta a preguntas como que é o efecto invernadoiro? ou como se moven as masas de aire?
Este taller, elaborado e impartido por persoal investigador do Instituto de Geociencias (CSIC-UCM) e da Facultade de Físicas da Universidade Complutense de Madrid, convida aos e as participantes para descubrir as geociencias dunha maneira lúdica e participativa. Trátase dun conxunto de talleres nos que se explicarán mediante experimentos sinxelos conceptos fundamentais sobre a física da atmosfera e o clima. Entre as propostas os participantes descubrirán aspectos relacionados co cambio climático, o vento, a presión e a temperatura, a precipitación e as nubes ou o océano.
Ciudad Ciencia lanzouse en marzo de 2012 e conta coa colaboración de 55 municipios co fin de que habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. No caso de Cariño, é o único municipio da provincia da Coruña en participar nesta iniciativa.