Friday 22 de November de 2024

Moeche presenta este sábado a nova exposición do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas


O proxecto, no que se investiron 62.500 euros, está cofinanciado ao 80% pola Área de Turismo da Deputación da Coruña

A reinauguración do centro celebrarase ás 12:30h nun acto ao que asistirán o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, representantes dos grupos políticos municipais e entidades

O centro de interpretación e o castelo abrirán ao público esa mesma tarde

 

O Concello de Moeche rematou onte mesmo os traballos desenvolvidos nos últimos meses para renovar os contidos expositivos do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas. Un proxecto que non só consistiu na modernización da información dispoñible para facela máis accesible, vistosa e cun enfoque histórico máis amplo, senón que tamén se aproveitou para reacondicionar o chan de madeira e dotar as instalacións de novo mobiliario e equipamento multimedia. O investimento total ascende a 62.500 euros cofinanciados nun 80% pola Área de Turismo da Deputación da Coruña por medio dun convenio asinado en agosto pasado co consistorio, quen asumirá o 20% restante. O centro reinaugurarase este sábado ás 12:30h nun acto ao que asistirán o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, a alcaldesa, Beatriz Bascoy, e representantes da Corporación e do tecido asociativo do municipio. O espazo poderá visitarse ese mesmo día a partir das 16:00h, momento no que a fortaleza volverá abrirse ao público tras permanecer pechada desde novembro por mor das obras.

Aínda que o contido íntegro da renovación se desvelará o sábado, o que si se pode avanzar para abrir boca é que, na práctica, o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas mudou por completo, polo menos en canto ao seu contido museístico, refeito na súa totalidade.

E é que a empresa Trivium Estratexias en Cultura e Turismo S.L. -adxudicataria do proxecto- levou a cabo en primeiro lugar un amplo labor de investigación previa para recoller e sistematizar de fontes orixinais toda a información dispoñible sobre a fortaleza e sobre os feitos históricos dos que foi protagonista na Idade Media. Uns feitos replicados en toda Galicia que agora se poñen a disposición do público dándolles unha contextualización máis ampla e incidindo especialmente no coñecemento do movemento revolucionario Irmandiño.

Neste sentido, o espazo reorganizouse con paneis e equipamentos totalmente novos que farán da visita unha experiencia máis atraente e didáctica para todas as idades. Ademais, co apoio profesional de carpintarías locais, ás instalacións tamén se lles deu un profundo lavado de cara co puído e vernizado do chan de madeira e a fabricación de mobiliario á medida.

Alén de abordar a trascendencia histórica das revoltas e do propio castelo, o museo tamén dispón dun lugar reservado para a o Festival Irmandiño e incorpora como novidade contidos relativos ao Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal -especialmente a riqueza xeolóxica de Moeche asociada ao toelo e os espeleotemas de Mina Piquito-, posto que a fortaleza será un dos seus centros de recepción de visitantes.

Reapertura do castelo
A reinauguración do Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas desenvolverase este sábado 18 de marzo a partir das 12:30h. Ao acto, encabezado por Beatriz Bascoy e Xosé Regueira, están convidadas e convidados representantes das entidades de Moeche, a Corporación municipal e persoas que dun xeito ou doutro contribuíron á mellora do espazo. Un dos responsables da empresa Trivium ofrecerá deseguido un pequeno percorrido guiado no que explicará os contidos dispoñibles -que agora levan códigos QR para poder ampliar información- e a filosofía coa que se levou a cabo o redeseño expositivo.

A partir da tarde, de 16:00 a 20:00h, o castelo e o centro estarán xa abertos ao público cos horarios de primavera: mércores, xoves e venres de 11:30 a 13:30h e de 16:00 a 19:00h e os sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:30h e de 16:00 a 20:00h. Se o festivo cadra polo medio da semana, o castelo pechará ao día seguinte laborable.

Os prezos das visitas son: 2,50€ (+16 anos), 1,50€ de tarifa reducida (6 a 16 anos, maiores de 65, centros de ensino e familias numerosas) e 0€ de tarifa especial para menores de 6 anos, grupos de alumnado do CEIP San Ramón e veciñanza titular da tarxeta municipal de acceso en vigor (que debe renovarse no Concello todos os anos).