A xunta directiva da asociación de empresarios e o goberno municipal mantiveron hoxe unha xuntanza
O Concello de Carballo e a asociación de empresarios do polígono industrial de Bértoa coinciden en que o proxecto de ampliación presentado pola Xunta de Galicia é mellorable, e nese sentido traballan na elaboración dunha proposta conxunta que contribúa a facilitar a implantación de novas empresas para trasladarlla á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Hoxe celebrouse na casa do concello unha xuntanza á que asistiron a presidenta da asociación de empresarios do polígono, Raquel Rodríguez, e outros membros da xunta directiva; mentres que por parte da administración local participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e a concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes, ademais do arquitecto municipal, Alfredo Garrote, que se encargou da explicación técnica do proxecto.
Tanto responsables municipais como empresariado coinciden na necesidade de axilizar todo o posible os trámites para o desenvolvemento do solo industrial previsto no proxecto de ampliación. Segundo informou a conselleira de Medio Ambiente aos empresarios no mes de xaneiro, as obras realizaranse en dúas fases, e a primeira, que se corresponderá co sector B, o máis pequeno dos dous previstos no proxecto (110.781 metros cadrados), non estará dispoñible polo menos ata mediados do ano 2025, o que supón que o sector A (470.219 metros cadrados) tardará aínda máis.
Dende Carballo considéranse inasumibles novos retrasos nos prazos de desenvolvemento do solo industrial, sobre todo cando só quedan dispoñibles cinco parcelas. Precisamente este martes rematou o prazo para participar no concurso convocado por Xestur, e o día 30 procederase á apertura das proposicións presentadas polas empresas interesadas.