Friday 22 de November de 2024

Feijóo sinala que, co Plan de Financiamento Universitario, a Xunta blinda o bo funcionamento das Universidades galegas ata 2020, garantindo a súa estabilidade financeira


Agradece a vontade de diálogo e o esforzo das tres universidades para chegar a un acordo e garantir para a Universidade Pública galega un plan que asegura un maior e mellor financiamento

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, co Plan de Financiamento universitario 2016-2020, a Xunta blinda o bo funcionamento das Universidades galegas nos próximos anos, garantindo a súa estabilidade financeira.

Como destacou o presidente da Xunta, o Consello vén de dar o visto e prace ao dito Plan, que xa fora aprobado polo Consello Galego de Universidades o pasado día 13 de outubro.

Neste senso, o máximo responsable autonómico quixo agradecer a vontade de diálogo e o esforzo das tres universidades para chegar a un acordo e garantir para a Universidade Pública galega un plan que asegura un maior e mellor financiamento, posto que asegura a estabilidade financeira das Universidades galegas para o próximo quinquenio e incrementa os recursos que están á súa disposición. Concretamente, recibirán case un 18% máis ca no período anterior.

Nesta liña, Feijóo asegurou que as nosas Universidades recibirán case 2.500 millóns de euros nos vindeiros cinco anos. De feito, xa en 2016, por exemplo, recibirán máis de 392 millóns de euros, o que supón un crecemento do 4,8% con respecto ao que recibiron en 2015, por riba do 4,3% que crecen os orzamentos no seu conxunto.

A estrutura do Plan
Por outra banda, o presidente da Xunta sinalou que o Plan introduce unha serie de melloras respecto do anterior, en tres sentidos: establece un reparto máis simple e transparente dos fondos; prima a eficiencia na xestión, de acordo cos principios que xa foron aplicados na Administración xeral; e liga o financiamento aos resultados docentes, de investigación e de transferencia. Así, o Plan estrutúrase en dúas grandes patas, que son o Financiamento Estrutural e o Financiamento por Resultados.

Con respecto ao primeiro, Feijóo sinalou que garante a estabilidade do sistema. A este capítulo corresponden dúas terceiras partes dos fondos, que servirán para pagar as nóminas e as obras de reforma, ampliación e mellora de infraestruturas.

Como detallou o presidente, as necesidades de cada universidade calcularanse segundo o número de alumnos que teñan matriculados e na valoración dos bens inmobles de cada entidade. Por tanto, elimínanse os criterios históricos que influían ata agora no reparto, en prol dunha maior transparencia.

No que atinxe ao Financiamento por Resultados, o titular do Goberno galego indicou que supón a terceira parte do montante total, coa perspectiva de que en 2020 chegue a representar o 40% (actualmente supón o 33%). Estes fondos son os que garantirán a excelencia docente e investigadora das Universidades galegas, ademais da transferencia de coñecemento

Neste senso, Feijóo especificou que este capítulo estará conformado por catro subfondos: os complementos retributivos e compensación por matrículas; os custes asociados ao ensino universitario, onde se recollen as partidas á UNED, á Fundación Rof Codina, á ACSUG e aos Consellos Sociais; un panel de 12 indicadores vinculados a investigación, transferencia e docencia; e o fomento da I+D+I a través de convocatorias en concorrencia competitiva ou convenios para a execución de programas de investigación e transferencia de coñecemento.

Neste último grupo, posiblemente o de maior impacto para fomentar a excelencia das universidades galegas, recóllense os fondos asociados a todas as axudas de captación, formación e retención de talento (predoutorais, postdoutorais e investigadores asentados con contratos estatais ou a través do programa Oportunius); e o impulso á investigación de referencia mediante Grupos de Referencia Competitiva, de Potencial Crecemento e a través de Agrupacións Estratéxicas e Centros Singulares de Investigación.

Segundo o presidente da Xunta, a maiores, neste apartado introduciranse accións de mellora da calidade co fin de potenciar a cooperación interuniversitaria, fomentar a impartición de graos en inglés e dun mínimo do 50% das materias dun grao en galego, lograr mellorar en ránkings internacionais ou impulsar a especialización de campus periféricos.

As Universidades galegas recibirán nos vindeiros cinco anos 2.480 millóns de euros. Xa en 2016, os fondos ascenderán a 392 millóns de euros, o que supón un crecemento de case un 5% nos recursos de que dispoñen, cando os Orzamentos Xerais da Xunta crecen un 4,3%.

En definitiva, “impulsamos un Plan que reforza o peso do financiamento por resultados porque este é o mellor sistema para reforzar a excelencia da Universidade, pero que ao tempo blinda a súa suficiencia financeira e garante que cada ano, no que resta de década, o financiamento universitario se incremente progresivamente”, abondou o presidente da Xunta.