A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, visitaron esta mañá as instalacións do Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (CIS) de Ferrol acompañados por María José Mariño, directora do centro e por Sonia López e Pedro Caneiro, responsables do equipo de Educación Viaria de Narón. No transcurso da visita, os representantes do goberno local percorreron as instalacións e tamén tiveron a oportunidade de coñecer algúns dos proxectos sobre os que están traballando, tal e como indicou Ferreiro.
A rexedora local destacou o labor que desenvolve o persoal do centro e tamén a súa dispoñibilidade para colaborar coas administracións, neste caso a local. Ferreiro avanzou que abordou con Mariño a posibilidade de que alumnado de quinto e sexto curso de Primaria de centros de ensino de Narón e mesmo de Bacharelato, colexios de Secundaria e Formación Profesional teñan a oportunidade de visitar o CIS Tecnoloxía e Deseño e coñecer traballos como os da área virtual e realidade aumentada, entre outros. O obxectivo destas visitas sería ofrecer ao alumnado a oportunidade de descubrir a importancia da innovación, o deseño e as tecnoloxías a través, entre outras actividades que indicaron dende o centro, de obradoiros educativos, espectáculos e campamentos científicos.
A maiores desas posibles visitas, que a alcaldesa avanzou que realizará alumnado que participa este curso nas Olimpíadas Escolares do Concello de Narón, tal e como se acordou, tamén se ofreceu a posibilidade de traballar conxuntamente dende os colexios nalgúns dos proxectos do CIS.