Feijóo di que esta medida enmárcase dentro da nova concepción dos servizos sociais que se está a implantar, o modelo das carteiras, e que permite optimizar os recursos e deseñar os servizos sociais centrándose nas necesidades dos usuarios e non nas infraestruturas dispoñibles
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o Consello da Xunta aprobou a Carteira de Servizos Sociais de Familia, Infancia e Adolescencia co fin de colocar Galicia entre os lugares con maiores atencións ás nenas e nenos e ás súas familias.
Como lembrou o máximo responsable autonómico, esta actuación vai na liña do que comprometera no Debate sobre o Estado da Autonomía, onde asegurara que un dos principais obxectivos da Xunta sería facer que Galicia sexa o mellor lugar posible para ser nena ou neno.
Segundo sinalou o máximo responsable autonómico, esta medida enmárcase dentro da nova concepción dos servizos sociais que se está a implantar e que permite optimizar os recursos e deseñar os servizos sociais centrándose nas necesidades dos usuarios e non nas infraestruturas dispoñibles.
Trátase do modelo das carteiras, no que a Xunta leva traballando máis de dous anos. Así, neste tempo xa puxo en marcha a Carteira de Servizos á Dependencia, xa está tramitando a Carteira de Servizos de Inclusión e xa está deseñando a Carteira de Servizos para Persoas con Autonomía.
Con respecto á Carteira aprobada hoxe, Feijóo sinalou que deixa de falar de edificios e recursos para pasar a falar de persoas. Así, desde agora, unha instalación determinada poderá prestar máis dun servizo, sempre que cumpra as condicións necesarias.
Os servizos que abrangue a Carteira
Así mesmo, a Carteira estrutúrase en dous eixos: o dos servizos xerais, destinado a aquelas familias e menores que non presentan necesidades concretas; e o dos servizos específicos, que personaliza ao máximo a atención que se lle dá ás persoas con necesidades especiais, como as familias numerosas, as monoparentais, con persoas maiores ou con discapacidade ao cargo, familias adoptantes, menores en situación de risco ou desamparo e menores infractores.
Do mesmo xeito, a Carteira recolle, para cada servizo, a súa definición, o seu contido mínimo e as prestacións que debe conter.
Como matizou o presidente da Xunta, esta Carteira regula os servizos xa existentes e optimiza os recursos, aproveitando ao máximo as prestacións das que se dispón para ofrecer o mellor servizo posible. Ademais diso, incorpora novos servizos, que non existían ata agora, como as casas niño, que prestarán atención asistencial no domiciio da persoa coidadora.
Ademais, a Carteira abre tamén a porta ao Servizo de Axuda no Fogar para a Infancia, que poderá prestarse no domicilio familiar. Tanto este servizo como as casas niño poderán funcionar tamén polas noites en circunstancias como o ingreso hospitalario dos pais, algo totalmente novidoso.
Outros dos servizos que se implantan son a formación e orientación ás nais e pais de cativos de educación infantil e o servizo de apoio aos menores en situación de desamparo, que poderán ser atendidos por unha familia acolledora.
“En definitiva, con esta carteira, que entrará en vigor logo da súa publicación no DOG, seguimos consolidando a nosa aposta por uns servizos públicos centrados nas necesidades da persoa”, abondou Feijóo. Polo tanto, a Xunta non só se preocupa de que existan, por exemplo, máis prazas públicas de garderías, senón tamén de que os servizos que se prestan ás familias con nenos sexan os que precise cada familia en cada momento. Así, “centrámonos nas condicións de cada familia, pois as familias son o centro da nosa estratexia para facer de Galicia o mellor lugar para nacer”, aseverou o titular da Xunta.