O Pazo da Cultura continúa acollendo os espectáculos programados no marco do “VIII Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular”. Esta semana a primeira cita será o venres, día 17, cando se poderá ver “Iphixenia na porta do súper” -20.30 horas-, protagonizada por Alba Caneda. A compañía galega Humana estreará esta peza na cidade, contando a historia dunha rapaza de barrio que non estuda nin traballa e está inmersa nun bucle de alcohol e apatía ata que coñece a un home.
A programación continuará o sábado 18 -ás 20.00 horas- con Alberto San Juan, que protagonizará o monólogo “Lorca en Nueva York”, tamén dirixido polo actor madrileño. A obra baséase nunha conferencia que o poeta granadino deu en Madrid no ano 1930, tras pasar unhas semanas en Cuba. Os poemarios do espectáculo combínanse con música jazz en directo a cargo dunha banda integrada por catro músicos.
As propostas desta semana rematarán o domingo 19, con “Coser e cantar” -18.00 horas-, interpretado pola actriz galega Marta Ortiz. A viaxe para o público comezará nesta ocasión nun taller de costura, un lugar máxico aos ollos da protagonista desta obra que escoita á súa nai e á avoa e á tía mentres traballan. A narración oral, a música e o teatro estarán moi presentes neste espectáculo, que é unha homenaxe ás mulleres de mans sabias que foron as primeiras narradoras transmisoras de coñecemento.
As entradas para estes espectáculos poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.