Friday 22 de November de 2024

O Concello aproba o proxecto de rehabilitación das fachadas do CEIP Víctor López Seoane por máis de 500.000 euros


Trátase dunha actuación integral no exterior do edificio que permitirá un aforro do 30% de consumo de enerxía

Aprobada a autorización de gasto para o contrato de salvamento e socorrismo nas praias da Coruña, cun orzamento base de 546.055,76 €

O Concello da Coruña vén de aprobar en Xunta de Goberno Local o proxecto para a rehabilitación e mellora enerxética das fachadas do CEIP Víctor López Seoane, no barrio de Monte Alto. O proxecto ten un orzamento de 568.226,27 euros e sairá a licitación nas vindeiras semanas. As actuacións levaranse a cabo en dúas fases. A primeira delas permitirá a substitución das ventás do edificio.

Trátase dunha actuación integral nas fachadas exteriores do edificio así como na cara superior da cuberta baixa, engadindo un novo sistema térmico exterior. Tamén se levará a cabo a substitución das carpintarías exteriores -fiestras e portas- por outras con mellor seguridade e illamento así como a retirada das reixas de seguridade que cobren a parte dos ocos nas fachadas do edificio.

As actuacións teñen como obxectivo corrixir os problemas de illamento existentes polo deterioro e antigüedade do cerramento da fachada. Esta actuación permitirá mellorar as condicións climáticas do centro, cun mellor acondicionamento do espazo. Logo da rehabilitación estímase unha reducción de máis do 30% tanto o consumo de enerxía como de emisións de CO2. “Trátase dunha intervención coa que continuamos a mellorar as instalacións educativas da cidade ao tempo que acadamos unha maior eficiencia enerxética, renovando a envolvente e acondicionando o edificio térmicamente” explicou a alcaldesa, Inés Rey. Aínda que a educación pública é competencia da Xunta de Galicia, o Goberno local decidiu actuar no Víctor López Seoane ante o estado no que se atopa o centro, no que a Xunta non realizou os investimentos necesarios malias reiteradas peticións.

Contrato de servizo de salvamento e socorrismo

Na Xunta de Goberno Local de hoxe tamén se aprobou a autorización de gasto para a contratación do servizo de salvamento, socorrismo, vixilancia, primeiros auxilios, asistencia e transporte sanitario por estrada nas praias da Coruña. O contrato sae a licitación cun orzamento de 546.055,76 € por unha duración dun ano, prorrogable por un ano máis.

O contrato recolle o servizo para todas as praias do termo municipal da Coruña (Riazor, Orzán, Matadero, Lapas, San Amaro, Santa Cristina e Oza) así como a área de baño do Parrote, incluida no pasado verán logo da apertura da zona. Así mesmo contémplase o servizo ás calas de Adurmideiras con visitas de vixilancia diaria, colocación de material salvavidas e bandeiras de sinalización do estado para o baño.

Co novo contrato amplíase o servizo de socorrismo, con dous traballadores máis que no anterior contrato. Aos 23 postos de socorristas repartidos entre Riazor (6), Orzán-Matadero (7), San Amaro (3), Oza-Santa Cristina (5) súmase un máis na praia das Lapas, que pasa de dous a tres e un para o Parrote. Ademais, o Concello achegará dúas sillas anfibias nas praias de Riazor e Oza para o baño de persoas con diversidade funcional. Ademais, crearase unha app móvil dispoñibles (para os sistemas iOS e Android) con información actualizada en tempo real sobre o estado de praias, servizos dispoñibles, alertas e chamadas aos servizos de emerxencia e demáis información de interese cidadá.

O servizo de socorrismo está previsto que comece o día 15 de xuño e remate o 15 de setembro, ambos inclusive, todos os días en horario de 11.00 h a 21.00 h de forma ininterrompida.

Bases reguladoras das Escolas Infantís Municipais para o curso 2023-2024

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases reguladoras da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) para o curso 2023-2024. Como novidade, para este vindeiro curso ábrese a posibilidade de solicitude a persoas non residentes no termo municipal. O procedemento de adxudicación de prazas dará prioridade ás familias empadroadas na Coruña, seguido de aquelas que non residan na Coruña pero si teñan o seu traballo no termo municipal.

A isto súmase a modificación de horario de atención educativa gratuíta para as familias logo da ampliación das oito horas diarias no servizo de Escolas Infantís Municipais Agra do Orzán, O Castrillón, Os Cativos, Os Rosales, Mesoiro-Caracola, Arela, Luis Seoane e Monte Alto foi aprobada en Xunta de Goberno Local o pasado mes de febreiro. Supón un incremento do mesmo en 309.057 euros anuais e entrará en vigor o vindeiro día 1 de abril.

Ampliación das concesións no mercado de Monte Alto

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a ampliación das concesións do mercado de Monte Alto en 10 meses, coa intención de apoiar aos praceiros e praceiras ata que o mercado de Indalecio Prieto estea a pleno rendemento. Trátase dunha decisión motivada polas obras de renovación que se están a acometer poloo Goberno de Inés Rey no recinto, e que implican o traslado das praceiras e praceiros a un mercado provisional na praza de Indalecio Prieto.

Adxudicación postos San Agustín

Tamén se adxudicaron as concesións administrativas dos lotes 5, 7, 8 e 12 do Mercado de San Agustín, correspondentes aos postos 1-3, 9-11, 13-15 e 14 respectivamente. O canon mensual é de 154,75 euros excepto o número 14, que ten un canon de 83,29 euros, e un período de duración de 15 anos prorrogables por 10 anos máis.

Un dos novos postos é para a instalación dun restaurante que prestará servizo a domicilio e de catering así como de comida para levar. Tamén se instalará noutro deles unha hamburguesería con productos de proximidade, xunto cun posto dedicado á degustación de productos gourmet.

 

Por outra banda, o Concello adxudicou a Altia Consultores S.L., por un importe bianual de 2.164.074,32 €, a xestión da Infraestrutura Dixital do Concello. O novo sistema informático permitirá ao Concello o almacenamento de datos na nube, sen depender de servidores, e facilitará o acceso á información por parte dos distintos servizos, axilizando a atención aos cidadáns e abrindo novas posibilidades para a tramitación telemática de expedientes.
Ademais, suporá unha notable mellora na ciberseguridade evitando potenciais problemas.

Licenzas

En materia urbanística, dende o 24 de febreiro ata o 9 de marzo o Goberno ten concedido un total de 19 licencias urbanísticas. Entre elas destaca unha licenza de rehabilitación dun edificio na Rúa Oriente, no Barrio de Monte Alto, así como a reconstrucción, rehabilitación e mellora da accesibilidade de dous edificios situados na Rúa San Nicolás.