O Concello de Cariño estase a beneficiar dun investimento de máis de dous millóns de euros do Goberno que revirte nun aforro enerxético do 50%, a conexión a internet de alta velocidade de máis de 1.300 fogares e empresas e a promoción do Xeoparque do Ortegal como destino sostible
O delegado trasladou ao alcalde de Cariño o apoio do Goberno á candidatura do Cabo Ortegal para acadar o recoñecemento da Unesco como Xeoparque
“Os concellos de Galicia son protagonistas desta da transformación que estamos a impulsar dende o Goberno para avanzar cara a un país máis sostible, máis verde, máis dixital e cohesionado”
“Protexemos os dereitos da veciñanza e avanzamos para ampliar os servizos públicos e a calidade de vida. Vivir no Ortegal é un privilexio”
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou esta mañá o Concello de Cariño, onde se reuniu co alcalde, José Miguel Alonso Pumar, para supervisar os investimentos do Goberno no territorio e trasladar as oportunidades das novas convocatorias do Plan de Recuperación para o municipio e a súa veciñanza. O delegado valorou o “enorme impacto” que está a ter o Plan de Recuperación do Goberno para a transformación verde e dixital da comarca do Ortegal e, en concreto, no municipio de Cariño, cun investimento de máis de dous millóns de euros que revirte na mellora de servizos públicos e a transición verde e dixital, á vez que aproveita o gran potencial deste territorio para o turismo sostible.
José Miñones sinalou que as actuacións que se están a realizar no municipio coruñés de Cariño certifican o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co municipalismo e coa mellora dos servizos públicos e a calidade de vida da poboación dos concellos menos poboados. “Dende o Goberno estamos a impulsar a transformación da comarca do Ortegal co Plan de Recuperación e facémolo da man dos concellos, que son protagonistas deste avance cara a un país máis sostible, máis verde, máis dixital e cohesionado”, afirmou.
“Protexemos os dereitos da veciñanza de Cariño e avanzamos para ampliar os servizos públicos e a calidade de vida. Porque vivir no Ortegal é un privilexio”.
Plan de Sostibilidade Turística Xeoparque Cabo Ortegal
O delegado trasladou ao alcalde de Cariño o apoio do Goberno de España á candidatura do Cabo Ortegal para acadar o recoñecemento da Unesco como Xeoparque. Nese sentido, puxo en valor o intenso traballo realizado nos últimos anos polo alcalde de Cariño, que en 2022 ocupou a presidencia da Asociación para a Xestión do Xeoparque, e dos outros seis concellos integrantes, xunto á Deputación da Coruña; e considerou que conta con todas as características necesarias para acadar o recoñecemento internacional.
Precisamente, Cariño benefíciase actualmente do Plan de Sostibilidade Turística Xeoparque Cabo Ortegal, que desenvolven entre 2022 e 2024 os sete concellos que integran este xeodestino (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) cun financiamento de 1,5 millóns de euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, con fondos do Plan de Recuperación.
“Estamos a sentar as bases do turismo do futuro, un turismo máis verde, máis sostible e aberto ao mundo a través das tecnoloxías dixitais. Un turismo que vai situar o Ortegal coma un destino de referencia dentro deste novo modelo”, manifestou José Miñones.
Aforro enerxético
Ademais do apoio ao turismo, o Goberno desenvolve outras actuacións neste concello. No eido da transición enerxética, José Miñones apuntou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico xa financiou con preto de 650.000 euros a renovación de toda a iluminación pública do municipio. Este proxecto mobilizou en total máis de 800.000 euros, dos que o Concello achegou uns 160.000 euros, e permitiu substituír máis de 1.500 luminarias por tecnoloxía LED. “O impacto medioambiental desta acción é evidente e quero subliñar tamén o aforro para as arcas municipais: O consumo reduciuse practicamente á metade”, recalcou.
Conexión a internet de alta velocidade
Xunto a este apoio, o Goberno tamén promove a transición dixital de Cariño, neste caso a través do Plan de Recuperación do Goberno, que está a ter un enorme impacto na vida dos habitantes de Cariño e da comarca do Ortegal. En concreto, o delegado avanzou que o Goberno achegará a conexión a internet de alta velocidade a máis de 1.300 fogares e empresas deste concello grazas ao Plan UNICO-Banda Ancha. No conxunto da comarca, son máis de 5.500 vivendas e locais os que gañan esta conectividade.