A declaración secesionista que determinadas formacións políticas queren levar ao Parlamento de Cataluña é un desafío ao conxunto do Estado das Autonomías. Non é un desafío a un goberno concreto, senón a todas as comunidades que, conxuntamente, conformamos España.
Afecta, por tanto, a unha nación plural que é produto dunha longa historia, pero sobre todo da libre decisión dos seus cidadáns e da vontade democrática dos pobos que a compoñen.
España é como os españois quixemos que fose cando recobramos a democracia. España é como decidiron os cidadáns dos diferentes territorios, conscientes de que o Estado das Autonomías era a mellor fórmula de artellar unidade e diversidade.
Galicia, como parte desa España, e os galegos, como titulares dos seus dereitos democráticos, fomos protagonistas dese gran pacto histórico. Por iso, nin Galicia nin os galegos somos alleos aos intentos fraudulentos de liquidalo. O mesmo país que rexeitou a pretensión de limitar o noso autogoberno, non pode admitir que se poña en risco España das Autonomías que é tanto como dicir, a propia Autonomía galega.
Galicia e Cataluña –como o resto das comunidades– son realidades diversas onde conviven diferentes maneiras de pensar, e xeitos variados se sentirse español, galego e catalán. Todos son respectables.
O que a Constitución e os Estatutos que dimanan dela garanten é, precisamente, ese respecto e tamén a posibilidade de entendemento entre identidades e sentimentos. Cuestionar a Constitución e vulnerar os Estatutos, non é outra cousa que ameazar a convivencia.
A irresponsabilidade, a deslealdade ou o cálculo persoal e partidario non poden estar por riba dun marco de entendemento e convivencia no que soñaron os españois e galegos de antano, no que vivimos os españois e galegos de hoxe, e no que queremos que vivan harmoniosamente os españois e galegos de mañá.
Opoñémonos ás tentativas de dividir, porque así defendemos un legado, un presente e sobre todo un futuro que desexamos limpo de tensións e enfrontamentos.
A Xunta de Galicia ve representado o seu compromiso co Estado das Autonomías en todas as iniciativas que se adopten para defendelo.
E sabedora da súa responsabilidade como Goberno dunha nacionalidade histórica, garante que apoiará a resposta que dean a este desafío o Goberno de España e os partidos democráticos.
Por riba de calquera outra cousa, esa resposta é a que emana do consenso ao que chegamos na Transición, da convivencia á que todos nos comprometemos e a única posible, que é a do cumprimento da legalidade.
Estamos convencidos de que a unidade en torno á España das Autonomías e á Constitución das liberdades, permitirá superar este momento difícil cunha responsabilidade clara e inequívoca.