· O filólogo indaga na orixe e no significado de máis de 200 nomes de lugar do concello coruñés nun novo título da colección do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega
· É a terceira obra do do divulgador en Terra Nomeada, tras as dedicadas á Estrada e a Carballo
Toponimia de Ribeira é un dos últimos volumes da colección Terra Nomeada do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, dispoñible xa en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. O autor, Fernando Cabeza Quiles, profunda na orixe e no significado dos nomes das entidades de poboación deste concello coruñés, dende as nove parroquias –Aguiño, Artes, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e Ribeira– ata os topónimos dos máis de 200 lugares que as compoñen, así como os que designan a lagoa de Carregal, a praia de Balieiros, o cume dos Forcados e as illas de Sagres.
Cabeza Quiles é un dos principais divulgadores da realidade toponímica do país, socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da Asociación Galega de Onomástica, entidade que colabora na edición de Terra Nomeada da Real Academia Galega. Toponimia de Ribeira, que sae do prelo co apoio da Deputación da Coruña, é a terceira contribución do filólogo á colección, tras Toponimia da Estrada (2018) e Toponimia de Carballo (2020).
Ribeira conta con varios topónimos únicos no Nomenclátor de Galicia, entre eles O Caramecheiro, que hoxe dá nome a un barrio do norte da cidade de Ribeira situado a carón da praia de Coroso. Seguramente se refira ao pequeno caracol terrestre, chamado na zona caramecha das dunas (Theba pisana). «Recordamos nos anos 70 do século pasado persoas apañando este caracol, sinal de que se consumía e de que tiña certo valor comercial», conta Fernando Cabeza Quiles.
Listres é outro topónimo que en Galicia só se rexistra en Ribeira. O nome deste lugar da parroquia de Aguiño quizais se refira á antiga existencia no lugar da planta chamada lesta, probable voz de orixe prerromana, que daría igualmente os topónimos Lista e Liste, propón o filólogo.
Cudieiros (Palmeira) é tamén un rexistro singular no Nomenclátor de Galicia. «Pode vir de *cutinarios e este do latín *cŭtina. Estaría así relacionado coa palabra codia < *cŭtina ‘parte externa endurecida do pan, do queixo etc.’, ‘anaco de pan reseso’, ‘tona’, ‘parte exterior dalgunhas froitas’, ‘parte exterior que recobre o tronco e as pólas das árbores’ e, o significado directo que puido ter o topónimo, ‘superficie dura da terra’. En portugués hai códea ‘parte exterior dura, casca, costra’ e codio ‘costra da terra endurecida’», detalla o filólogo.
Do carrizo ás baleas e os falcóns
Canto ao nome da lagoa de Carregal, Cabeza Quiles explica que este fai referencia á abundancia da cana silvestre chamada carrizo ou cárrega, propia de espazos lacustres e que outrora debeu ser máis abundante ca agora na lagoa. O topónimo Balieiros é, por outra banda, un zootopónimo referido ás baleas que antano frecuentaban as costas galegas. «A súa abundancia na costa de Corrubedo aparece reflectida nunha atestación do ano 1577 do Arquivo do Reino de Galicia», apunta o estudoso. A orixe do orotopónimo Os Forcados tamén é bastante transparente, xa que fai referencia á forma bifurcada do cume do monte que designa; mentres que o nome das illas de Sagres é probablemente un zootopónimo que se refire á abundancia dun tipo de falcón usado na cetraría medieval chamado en latín sacer e denominado polo vulgo sacre.