Saturday 16 de November de 2024

Lete Lasa destaca a décima edición do Rally da Auga, consolidado na Copa de España de Rallyes de Terra, na que chegará á súa perfección


Lembra que neste ano, a Federación Galega de Automobilismo recibe 182.000 euros polo seu convenio de colaboración coa Xunta, o que supón un incremento do 8,5%

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou no serán de hoxe a décima edición do Rally da Auga que por segundo ano consecutivo forma parte, da Copa de España de Rallyes de Terra, nesta ocasión como primeira proba do campionato nacional. Ademais, destacou as outras once probas automobilísticas galegas que forman parte dos calendarios nacionais de estrada -Supercampionato de rallys, Copa de España de Asfalto, Vehículos Históricos e Enerxías Alternativas- e de circuíto -autocross e rallycross-.

Lete Lasa lembrou os diferentes cambios de denominación e de localización que experimentou o Rally da Auga desde o seu inicio, en 2014, pero asegurou que o que sempre permanece invariable é a auga e a terra que configuran o seu trazado espectacular e a calidade dos seus organizadores, a Escudaría ADN Motor, que nesta edición, axudados polo número dez, roldarán a perfección.

A comarca de Ordes -Ordes, Cerceda, Tordoia, Trazo, Mesía, Frades e Oroso- acollerá por vez primeira un rally que contará ademais con varias sorpresas como a participación de equipos que compiten no Supercampionato de España e numerosos equipos estranxeiros de Lituania, Francia ou Italia.

O secretario xeral para o Deporte salientou a seguridade como un dos factores innegociables do rally e advertiu que todos debemos estar implicados no traballo para que os eventos de motor transcorran sen incidentes.

Lete Lasa lembrou que neste ano, a Federación Galega de Automobilismo verase beneficiada do maior orzamento da historia da Secretaría Xeral para ou Deporte que alcanza os 44 millóns de euros. En particular, a federación recibe 182.000 euros polo seu convenio de colaboración coa Xunta, o que supón un incremento do 8,5% con respecto ao de 2022.