No acto participarán o alumnado do CEIP A Cristina, representantes dos concellos de Allariz e Carballo e o equipo que deseñou o espazo
Moi pronto poderás mergullarte no poema Adiós ríos, adiós fontes paseando polo xardín dedicado a Rosalía de Castro. Non puidemos inauguralo o 23 de febreiro, Día de Rosalía, pero farémolo noutra data simbólica nada máis comezar a primavera: o 21 de marzo, no que coinciden o Día da Poesía e o Día da Árbore.
O xardín, cedido polo Concello de Allariz, foi un dos seleccionados no ano 2021 no Festival internacional de xardíns que se celebra cada ano nese concello ourensán, e constitúe unha auténtica obra de arte de xardinería deseñada por Arquiterras, un equipo galego formado por Sara del Río Seoane, Johnatan Carreira Vázquez e Ana Barxa Cid. Por iso no acto do vindeiro martes, que comezará ás 12.30 horas, estarán representados tanto o equipo de Arquiterras coma o Concello de Allariz, que estará representado pola alcaldesa, Cristina Cid, e polo concelleiro de Medio Ambiente, Bernardo Varela.
Pero os grandes protagonistas da xornada serán os alumnos e alumnas do CEIP A Cristina, situado a poucos metros do xardín, que se sumarán á celebración cun recital poético. E ademais contaremos coa presenza da actriz Larraitz Urruzola, que virá a Carballo coa súa boneca Rosalía para falarnos sobre a gran autora galega.
O Xardín de Rosalía, situado no Parque do Anllóns, moi preto da praza Xela Arias, está inspirado no poema Adiós ríos, adiós fontes, un exemplo da literatura da autora padronesa que retrata a emigración da época, que marcou as vidas da maioría das familias galegas e que hoxe volve ser unha realidade para moitos mozos e mozas da nosa terra. Os seus autores propóñennos un paseo polas estrofas do coñecido poema a través da escenificación dalgúns dos elementos que nel aparecen, de maneira que a persoa que o visita poida imaxinarse protagonizando ese camiño cara á emigración. Deste xeito, o xardín convértese tamén nunha homenaxe aos emigrantes.
O xardín, como o poema, fará referencia aos regatos e as fontes, á hortiña, á figueira… Será un espazo vivo que irá mudando ao longo do ano, e incluirá un banco que simulará o último contacto coa terra antes de embarcar cara a emigración. O percorrido rematará fronte á imaxe de Rosalía de Castro creada o ano pasado polo artista carballés Mon Lendoiro para o Concello de Carballo.