Friday 22 de November de 2024

O Concello e a Xunta chegan a un acordo para impulsar as obras do Novo Chuac, co obxectivo de comezalas durante este ano


O Goberno municipal mantén o seu investimento, de 22,2 millóns de euros, pero destinará esta partida, de forma íntegra, aos accesos ao hospital, polo que o Concello ostentará a titularidade das vías

A Xunta asume as expropiacións dos terreos necesarios para acometer a ampliación do Novo Chuac, unha variación que se plasmará nun novo convenio que estará listo entre abril e maio

O Concello da Coruña e a Xunta de Galicia acadaron este martes un acordo para impulsar o Novo Chuac, co obxectivo de que as obras para ampliar a superficie e instalacións do hospital coruñés estean en marcha antes de rematar o ano.

Esta mañá, o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, reuniuse coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para abordar a situación e acadar unha saída de consenso a respecto do proxecto do novo hospital.

Ante a inviabilidade de levar a cabo o investimento municipal tal e como estaba formulado, as dúas Administracións acordaron unha nova redistribución das cargas que lle permita ao Concello facer un investimento en espazos dos que é titular. Neste sentido, detallou Lage, “a Xunta asume integramente as expropiacións necesarias de terreos para o novo hospital”.

Por outra banda, agregou Lage, “a achega municipal de 22,2 millóns de euros mantense, e vaise dedicar exclusivamente ás vías de acceso, que serán de competencia municipal e, ademais de dar servizo ao Chuac, tamén serán importantes para a Cidade das TIC, para o desenvolvemento dos nosos barrios e os accesos que se xeran arredor do Novo Chuac”. O orzamento para as novas vías ascende a 25,4 millóns de euros, dos que 3,2 millóns os achegará pola Xunta.

 

Os accesos ao Novo Chuac, que serán de titularidade do Concello, incorporaranse á rede viaria municipal. O financiamento das obras, baseándose no acordado esta mañá, será de carácter plurianual, a catro anos. A primeira anualidade farase efectiva este mesmo ano. José Manuel Lage detallou, a este respecto, que se levará a cuestión a pleno, co obxectivo de tramitar a correspondente modificación orzamentaria. “O Concello vai tramitar no segundo trimestre deste ano, entre abril e maio, as modificacións orzamentarias e as adaptacións do convenio para introducir estes cambios, co obxectivo de ir avanzando nos pasos administrativos que faciliten a construción do novo hospital”, sinalou Lage, que agradeceu á conselleira o clima de diálogo e a vontade de chegar a un acordo para impulsar unha infraestrutura esencial.

Á reunión de traballo que tivo lugar esta mañá asistiron tamén o coordinador xeral municipal, Gonzalo Castro, e o director da área de Economía, Facenda e Réxime Interior, Manuel Jove, así como o secretario xeral técnico da consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Joaquín Macho, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e un asesor xurídico.

O Novo Chuac duplicará a superficie actual do centro hospitalario

O Novo Chuac permitirá duplicar a superficie das instalacións hospitalarias con respecto á situación actual do recinto, ademais de incrementar nun 15 % as camas destinadas a atención hospitalaria. Disporá tamén de 40 quirófanos e aumentará o número de prazas para o estacionamento de vehículos na contorna.

O obxectivo marcado polo Goberno de Inés Rey e a Xunta é que as obras do Novo Chuac comecen antes de rematar o 2023.

José Manuel Lage amosou a súa satisfacción polo acordo alcanzado. “O Concello e a Xunta chegaron hoxe a un acordo para desbloquear as dificultades que existían, poñendo por diante o interese xeral da cidadanía”, apuntou.