Saturday 16 de November de 2024

O Concello activa desde mañá o Bono Cultura, con descontos de ata 200 euros en comercios e negocios da cidade


Os bonos estarán activos ata o 31 de decembro ou ata que se esgote o orzamento para poder canxealos

O Concello da Coruña activará mañá, mércores 15 de marzo, o novo Bono Cultura 2023 para persoas usuarias. Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 260.000 euros e busca dinamizar e apoiar ao sector cultural coruñés, incentivando a compra de produtos ou servizos culturais por parte da cidadanía.

Xa hai 34 establecementos adheridos a este plan e o prazo de inscrición continuará aberto para que es negocios sigan a adherirse. Nas convocatorias anteriores do Bono Cultura arrincouse con cifras semellantes que se foron incrementando durante as seguintes semanas.

O Bono Cultura 2023 suporá un desconto do 50 % do valor económico dos bens, produtos e servizos culturais que merquen as persoas usuarias, sempre e cando sexa nos establecementos ou empresas prestadoras de servizos que estean adheridas a esta campaña.

Estes bonos postos en marcha polo Goberno de Inés Rey, van dirixidos a persoas maiores de 14 anos, sexan ou non residentes na Coruña. Cada persoa usuaria só poderá descargar un tipo de bono das dúas categorías desta edición. As persoas interesadas poderán obter e canxear estes bonos ata o 31 de decembro ou ata que se esgote a contía orzamentaria. O bono en cuestión, unha vez descargado, terá unha caducidade de dous meses, ou ben ata que se esgote o crédito dispoñible do Bono Cultura.

A descarga dos bonos por parte das persoas usuarias estará a través da web de Cultura do Concello da Coruña, en colaboración coas entidades participantes. O bono en cuestión terá formato dixital, cun código QR, e estará dispoñible para o seu uso por medio de aplicacións móbiles de descarga gratuíta.

Os dous tipos do Bono Cultura 2023

Como novidade a respecto das dúas edicións anteriores, o novo Bono Cultura abrangue dúas categorías. Haberá, en primeiro lugar, un bono dirixido á matrícula ou inscrición en obradoiros, cursos ou actividades culturais. Por exemplo, para formar parte en iniciativas asociadas á danza, a música, o teatro e as artes plásticas. “É un bono formulado baixo unha proposta máis específica, de carácter formativo”, describiu a alcaldesa. Este bono, que se pon en marcha por primeira vez na cidade, está dotado con 200 euros por persoa usuaria, subvencionando un 50 % do gasto no sector cultural para transaccións de, como mínimo, 50 euros.

O segundo bono en cuestión está dirixido á compra de produtos e outro tipo de servizos culturais. Por exemplo, para asistir a espectáculos en vivo, de carácter teatral ou musical, e tamén para mercar libros. Cada particular contará con 60 euros cos que poderá sufragar o 50 % das compras, cun gasto mínimo de 10 euros.

Os usuarios deberán escoller entre os dous tipos de bonos, pois cada persoa só poderá empregar un.