Friday 22 de November de 2024

Inés Rey aposta por reforzar a colaboración entre o Concello, entidades sociais e veciñanza para abordar a soidade non desexada das persoas maiores


A alcaldesa presentou esta mañá no Ágora a xornada ‘Boas prácticas e novos retos ante a soidade non desexada nas persoas maiores’, acompañada por Matilde Fernández, presidenta do Observatorio Estatal contra a Soidade non Desexada da Fundación ONCE

A alcaldesa, Inés Rey presentou esta mañá no auditorio do Ágora a xornada ‘Boas prácticas e novos retos ante a soidade non desexada nas persoas maiores’, unha iniciativa promovida polo Grupo de Traballo de Persoas Maiores do Consello de Inclusión Social e que abre camiño á nova marca municipal Coruña Acompaña, ideada para identificar todas as actividades municipais orientadas ao colectivo de persoas maiores e a promover un envellecemento activo e saudable.

A rexedora abriu a xornada acompañada por Matilde Fernández, presidenta do Observatorio Estatal contra a Soidade non Desexada da Fundación ONCE e ministra de Asuntos Sociais entre os anos 1988 e 1993. Ambas as dúas coincidiron ao subliñar a importancia de implicar ás Administracións públicas á hora de abordar “os novos retos que van xurdindo na sociedade actual, como a soidade non desexada, os problemas de saúde mental e a fenda dixital”, entre outros.

Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística, o 25,03 % da poboación da cidade é maior de 65 anos. Neste sentido, a alcaldesa apostou por reforzar a colaboración coas entidades do terceiro sector e tamén coas asociacións de veciños e dos barrios, así como co persoal voluntario, “polo seu traballo constante e diario a pé de rúa”, para tratar a cuestión da soidade non desexada entre as persoas maiores, que “esixe un enfoqueintegral, que permita chegar ás persoas que se senten soas, entender a súa soidade no marco do seu ciclo vital e proporcionarlles o apoio preciso baseándose nas súas necesidades”.

Por outra banda, durante o acto de apertura da xornada, moderado pola xornalista Chus Castro, Inés Rey puxo en valor a folla de ruta que formula a marca municipal Coruña Acompaña, orientada a reunir todos os servizos para persoas maiores baixo un mesmo paraugas, simplificando o acceso ao catálogo de actividades que desenvolve o Concello coa finalidade de que todas as persoas usuarias poidan gozar da oferta existente.

“Disporanse canles específicas de comunicación coas persoas maiores para mellorar o proceso de recepción de ideas e suxerencias”, apuntou a alcaldesa.

Matilde Fernández subliñou, precisamente, a capacidade do tecido municipal para “facer fronte á soidade como unha realidade social, polo que é preciso adaptar as estruturas administrativas actuais”. “Debemos traballar de forma transversal, favorecendo que se encontren os diversos profesionais do benestar social para dar respostas integrais”.

Á apertura desta xornada, que continuará esta tarde de martes coa intervención de expertos
do ámbito social e sanitario, asistiron a directora de Cáritas Interparroquial da Coruña, Pilar Farjas, do presidente da Asociación Benéfica Renacer, José Fernández Pernas, e da presidenta provincial de Cruz Vermella, Mercedes Casanova Díaz.

As actividades socioculturais da rede de centros cívicos municipais

Inés Rey tamén puxo en valor ao equipo de profesionais da rede de centros cívicos municipais, onde se traballa na prevención da soidade non desexada a través da participación social, con actividades enfocadas a un envellecemento activo.

O ano pasado, máis de 7.300 personas maiores de 65 anos participaron en 138 actividades socioculturais. Por exemplo, nos bailes que se retomaron a finales de 2022, tras deixar atrás a pandemia. Ademais, esta mesma semana abriuse unha nova convocatoria das viaxes culturais para maiores de 55 anos, con percorridos xa programados ata finais de mes para máis de 1.000 persoas, a Ourense, Allariz y Celanova.

O novo Servizo de Axuda a Domicilio

Noutra orde de asuntos, e tal e como avanzou este luns a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, comezará a funcionar a inicios de abril o novo Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), adxudicado a inicios de febreiro cun orzamento previsto de 30 millóns de euros para o período 2023-2026.

O contrato, fundamental para reforzar os servizos sociais da cidade, concibiuse baixo a
premisa de garantir un servizo máis eficiente ás persoas usuarias e as súas familias, e
tamén a dar as mellores condicións posibles ás 400 auxiliares que traballan ao seu carón a
diario.
A cidade distribuirase en cinco zonas de atención diferenciadas (norte, oeste, centro, leste e sur), un formato ideado para reforzar o concepto de proximidade, facilitar las substitucións puntuais e tamén o apoio entre auxiliares ante situacións imprevistas. Neste sentido, abriranse tamén cinco oficinas de coordinación e atención ás familias en cada unha das cinco áreas territoriais previamente mencionadas, co obxectivo de dar solucións inmediatas e facilitar a comunicación coas personas usuarias do servizo.

O SAD inclúe tamén unha modalidade de atención urxente, para prestar servizo, por exemplo, a aquelas persoas que veñen de pasar por un ingreso hospitalario e precisan axuda no fogar de forma temporal, para apoiar a súa recuperación.