Friday 22 de November de 2024

Apoio unánime ás propostas socialistas de crear un camiño escolar seguro, mellorar a ETAP e poñer en marcha unha campaña contra a violencia machista


O PSOE apoiou a moción de rebaixa do IBI de 0,60 a 0,56, forzando ao PP a retirar a súa proposta de rebaixa ao 0,58

O pleno municipal apoiou por unanimidade as tres propostas presentadas polo PSOE de Ordes na sesión de onte e que propoñían a creación de dous camiños escolares seguros, instar á Xunta de Galicia a que mellore o estado da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e poñer en marcha unha campaña local contra a violencia machista, coincidindo coa conmemoración do 7 e do 25 de novembro.

A voceira municipal socialista, Verónica Gómez, defendeu a importancia de acometer o camiño escolar seguro para nenos e nenas a partir de 2º de Primaria que se dirixan aos CEIP Castelao e Campomaior. A pesar das reticencias amosadas polo PP e en prol de conseguir o apoio unánime á medida, o PSOE aceptou que se faga un chamamento á colaboración veciñal a través da web e das redes sociais do Concello, aínda que Verónica Gómez insistiu en que o importante é que o Concello de Ordes acometa a sinalización dos percorridos e lembrou que a iniciativa tamén suporá un desafogo para as familias que, no canto de ter que levar todos os días aos pequenos ao colexio, poden contar cunha opción segura grazas á colaboración veciñal.

Arranxo da ETAP

O pleno aprobou tamén instar á Consellería de Medio Ambiente a levar a cabo as melloras necesarias na ETAP de Ordes, que é bastante antiga e na que unha das dúas liñas de tratamento de augas está fóra de funcionamento debido a problemas técnicos tales como as deficiencias existentes no decantador e no filtro aberto.

Neste sentido, os socialistas consideran preciso executar unha nova liña de tratamento de auga e levar a cabo melloras na rede de abastecemento do municipio. “Ademais, a situación é máis preocupante vendo que os Orzamentos da Xunta para o 2016 non contemplan ningún orzamento para infraestruturas de alcantarillado nin de auga, cando supostamente o Canon da Auga imposto pola Xunta ía ser destinado a financiar este tipo de obras”, apuntou Verónica Gómez.

Os socialistas tamén sacaron adiante unha moción contra a violencia de xénero, que inclúe a realización de campañas municipais de concienciación. Finalmente, o PSOE apoiou a proposta nacionalista de rebaixar o IBI do 0,60 ao 0,56%, forzando así ao Goberno do Partido Popular a recuar na súa proposta do 0,58%.