Saturday 16 de November de 2024

Trenor anuncia un investimento de máis de 200.000 euros para instalar ascensores en centros educativos de Coristanco, Camariñas e Ponteceso


― O delegado da Xunta asegurou que todas estas as actuacións, de mellora da accesibilidade, teñen como obxectivo “ofrecer un mellor servizo á comunidade educativa”

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coristanco, visitou esta mañá o CEIP de Bormoio-Agualada para anunciar a licitación de tres ascensores que se instalarán no CEIP de Bormoio-Agualada en Coristanco, no CEIP O Areal de Camariñas e no IES Eduardo Pondal de Ponteceso. En total estas tres actuacións suporán un investimento de máis de 200.000 euros.

O representante do Goberno autonómico puntualizou que estas actuacións, orientadas a mellorar a acesibilidade nestes centros educativos, teñen como obxectivo “ofrecer un mellor servizo á comunidade educativa”. Neste senso, engadiu que, “dende o Goberno autonómico seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.

Con respecto ás actuacións no CEIP de Bormoio-Agualada a instalación do ascensor realízase no interior do edificio principal, preto das escaleiras, sendo esta a zona próxima á entrada e de maior amplitude nos seus espazos comúns. Para a súa instalación ocuparase parte da sala de profesores en planta baixa e parte dunha aula en planta alta. Elixiuse esa localización debido a que facilita o percorrido de evacuación desde calquera punto da planta, ao atoparse na zona central do edificio. Na planta baixa o desembarco realízase nunha zona común do centro o igual que na planta alta.

No CEIP O Areal de Camariñas a instalación do ascensor realizarase encostada á fachada da edificación e dentro dun patio existente. En planta sitúase nun dos accesos ao patio interior cuberto, o cal conta actualmente con acceso. Elixiuse esa localización debido a que facilita o percorrido de evacuación desde calquera punto da planta, ao atoparse na zona central do edificio. Na planta baixa o desembarco realízase nunha zona común do centro o igual que nas plantas altas.

No IES Eduardo Pondal de Ponteceso ao obxecto da mellorar substancialmente as condicións de accesibilidade a todas as plantas, proxéctase a implantación dun ascensor accesible que comunique verticalmente todas as plantas da edificación principal do IES, conformándose así un percorrido accesible desde o acceso exterior ata calquera punto do interior da edificación. En base á actual distribución e organización de accesos, determinouse o emprazamento do referido ascensor no interior da actual edificación, no vestíbulo central de acceso principal.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos.

Esta actuación conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020