Saturday 16 de November de 2024

A concellería de Educación invita aos composteláns a descubrir o patrimonio funerario de Santiago


O departamento conmemora o Día de Defuntos cunha visita didáctica ao cemiterio de Boisaca, mañá ás dez e media da mañá

O próximo dous de novembro conmemórase o Día de Defuntos, e é tradición acudir aos cemiterios e poñelos o máis engalanados posible. Ao redor desta data, a concellería de Educación e Cidadanía pón en marcha un programa de divulgación e posta en valor do patrimonio funerario de Santiago. Trátase de coñecer a historia local da “cidade viva”, a través das “cidades das persoas mortas”, de personaxes anónimas e de figuras ilustres da política, a industria, as artes ou as letras.
O programa educativo comeza mañá, xoves, cun itinerario didáctico no cemiterio municipal de Boisaca, que comezará ás dez e media da mañá desde a porta principal do camposanto. Nesta primeira ruta participarán o concelleiro de Educación, Manuel Dios, outros edís da corporación, e un grupo de alumnos de secundaria do IES Rosalía de Castro. A visita guiada permitirá afondar no coñecemento de aspectos relacionados coa historia e o urbanismo de Compostela, coa arte e simboloxía funeraria, coas persoas soterradas, coa memoria histórica e mesmo co cine e coa literatura.
Despois desta primeira visita, faráse unha convocatoria para que os centros de ensino interados participen nesta nova proposta educativa, que se complementará con outras actividades de formación do profesorado e materiais didácticos.