Friday 22 de November de 2024

Preto de 800 escolares de Narón participaron nos actos organizados polo Concello para os centros de ensino con motivo do 8M


Un total de 792 escolares de Narón participaron nos actos organizados polo Concello en centros de ensino da cidade con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. O pasado venres uns 400 escolares da cidade e de centros de ensino da comarca – de Narón un total de 118- desprazáronse ao Pazo da Cultura para asistir á charla de divulgación científica “A nosa pegada dixital en internet: canto saben de nós e para que o usan”. A enxeñeira e doutora en Informática Susana Ladra foi a encargada de impartir esta charla, enmarcada nun ciclo que alcanza na cidade a súa sétima edición co fin de que entre os escolares se poidan espertar vocacións científicas. Así o explicou a edil de Ensino, Mercedes Taibo, que acudiu á convocatoria e recordou que forma parte do programa de actos deseñado dende o Concello para celebrar o Día Internacional das Mulleres, que se conmemorou o pasado 8 de marzo.

Na convocatoria participou alumnado do IES Terra de Trasancos, do CPI do Feal, dos IES Fene, Fernando Esquío (Neda), Concepción Arenal e Sofía Casanova (Ferrol), do CPI A Xunqueira (Fene) e do IES Cabo Ortegal (Ortigueira). As rapazas e rapaces tiveron a oportunidade de interactuar coa poñente, que abordou un tema de moita actualidade, como o uso dos datos en internet.

O traballo realizado nos centros de ensino chegou tamén a escolares de terceiro e cuarto de Primaria e primeiro da ESO da cidade, na que abordaron a “Historia do feminismo, fitos, logros e figuras relevantes”, traballando o concepto da igualdade e datos específicos centrados nas áreas de tecnoloxía, conciliación, saúde e violencia machista. Alumnado dos colexios do Feal, Piñeiros, Ayala, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, A Solaina, Virxe do Mar e dos IES As Telleiras e Terra de Trasancos participou nesta actividade, que se desenvolveu nos meses de febreiro e marzo. En total, acudiron a esta actividade programada con motivo dos actos do Día Internacional das Mulleres 674 escolares da cidade.
A maiores, tamén esta semana continúa –e ata finais deste mes- a exposición “8M Mulleres de Narón” na praza da Gándara. A mostra consta dunha serie de paneis informativos entre os que se atopan imaxes e contido relacionado con mulleres distinguidas como “Muller do Ano de Narón” e tamén de destacadas feministas.

A ludoteca municipal e os centros de ensino acolleron tamén diversas actividades esta semana enmarcadas no programa de actos do Día Internacional das Mulleres e que continuarán no Pazo da Cultura co “VIII Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular” ao longo deste mes de marzo e con conferencias sobre “Ciencia na rúa”, o día 18 ás 17.00 horas na Praza da Gándara e unha nova confenrencia o vindeiro 25 de marzo do programa de Prevención da depresión e mellora da saúde mental”.