O Concello conta cunha oficina de atención presencial ao público que está xa operativa dous días á semana na cidade. Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que se desprazou ás instalacións, ubicadas no número 562 da estrada de Castela, en Piñeiros, xunto co edil de Servizos, Ibán Santalla. A rexedora local indicou que as instalacións permanecerán abertas á cidadanía os martes e xoves en horario de 10.00 a 12.00, co fin de atender presencialmente durante ese período ás persoas que o precisen.
Ferreiro indicou que “esta é outra das melloras incluídas no novo contrato do Servizo de Limpeza Viaria e recollida de Residuos Sólidos Urbáns da Cidade, en cuxo plego quixemos incorporar este novo servizo co fin de ofrecelo ás veciñas e veciños que o precisen”.
“Somos parte da nosa cidade, coidémola” é o lema elixido para concienciar e sensibilizar á poboación sobre a importancia de, entre todas e todos, manter limpa a cidade e que figura na fachada da nova oficina.
“Queremos que as veciñas e veciños que teñan algunha dúbida ou algunha suxestión sobre o servizo teñan unha nova canle de comunicación, neste caso un espazo físico no que reciban atención persoalizada para poder abordalo co fin de facilitar a súa tramitación e ofrecer as mellores garantías da eficiencia do traballo que se realiza nesa área”, subliñou Ferreiro.