Friday 22 de November de 2024

Alternativa dos Veciños mirará polas empresas locais con feitos, non con palabras ocas


Juan Fariña amósase sorprendido polo feito de que en Bergondo haxa empresas locais vetadas, mesmo ata o punto de non solicitarlles nunca orzamentos dende o concello.

Entre os múltiples cambios que Alternativa dos Veciños levará a cabo dende a alcaldía de Bergondo atoparase o de manter un coidado exquisito á hora de relacionarse coas empresas afincadas no noso municipio. É un deber ético de primeira orde velar polo comercio local, entendido este nun sentido amplo e non reducionista. O comercio e a actividade empresarial dun concello van máis aló da actividade que se desenvolve no pequeno comercio minorista ou na hostalería. En Bergondo teñen a súa sede social ou comercial empresas que ofertan servizos da índole máis diversa. Son importantes e útiles as campañas de promoción do comercio local que se leven a cabo dende a administración municipal. Agora ben, tan importante ou máis que esas campañas resulta predicar co exemplo. As palabras deben acompañarse de feitos, xa que as primeiras -por si soas- pouco valor teñen. Tanto é así que resulta dificilmente comprensible e xustificable que á hora de contratar determinados servizos por parte do Concello de Bergondo haxa empresas ás que nin tan sequera se lles dá a oportunidade de presentar presuposto do servizo en cuestión. Un exemplo paradigmático do que dicimos son as saídas socioculturais en autobús ou as excursións organizadas polo concello. De xeito sistemático, dende a alcaldía ou a concellería responsable, evítase pedir orzamentos a unha empresa do sector afincada en Obra de Paño, Lubre (coa súa sede social en Bergondo). Empresa de autobuses que ademais conta con axencia de viaxes propia. Empresa bergondesa que factura da orde dun millón de euros e que da traballo a 14 persoas.
Dende Alternativa dos Veciños cambiaremos radicalmente estas dinámicas absurdas e caprichosas. Non dar ás nosas empresas a oportunidade de ofertar polos seus servizos e competir con outras ás que si se lles dá a oportunidade de ofertar é un feito inxustificable e a todas luces inxusto.