Friday 22 de November de 2024

O Concello impulsa a atención aos maiores reunindo todos os seus servizos baixo a marca ‘Coruña Acompaña’


O encontro sobre soidade non desexada que terá lugar mañá no Ágora estrea o logo co que a partir de agora se identificarán todas as actividades para este colectivo

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, presentou no Palacio Municipal de María Pita o novo logo ‘Coruña Acompaña’, que aglutinará a partir de agora todas as actividades para persoas maiores que se promovan desde o Concello.

“‘Coruña Acompaña’ nace do interese do Goberno que preside Inés Rey de atender mellor as necesidades das persoas maiores da cidade” sinalou Neira, quen lembrou que segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística o 25,03 % da poboación da cidade é maior de 65 anos, o que supón o dato máis alto rexistrado ata a data.
“Hai máis persoas maiores que nunca na cidade e é evidente que esa porcentaxe irásubindo debido á maior esperanza de vida” sinalou Neira. “Estamos obrigados a atender os novos retos que van xurdindo, como a soidade non desexada, os problemas de saúde mental dos maiores, a fenda dixital e tantos outros. Por iso é imprescindible que comecemos a poñer en marcha desde agora mecanismos de apoio para as nosas veciñas e veciños maiores para que o seu envellecemento sexa activo e saudable”, engadiu.

‘Coruña Acompaña’ estréase mañá, martes 14, cun encontro sobre soidade non desexada que terá lugar no Centro Sociocultural Ágora a partir das 09.30 horas. Trátase dun encontro aberto ao público no que participará a ex ministra de Asuntos Sociais e presidenta do Observatorio de Soidade non Desexada da Fundación Once, Matilde Fernández, que debaterá coa alcaldesa Inés Rey sobre os retos aos que se enfrontan as cidades do século XXI para acompañar os seus maiores.

Tamén haberá unha mesa redonda na que participarán, ademais do Concello, as entidades Cáritas, Cruz Vermella e Renacer, que dedican unha parte importante da súa actividade para colaborar no coidado e acompañamento dos coruñeses e coruñesas de máis idade. A xornada completarase con consellos sobre envellecemento saudable a cargo de integrantes da Real Academia de Medicina, conferencias, obradoiros de fisioterapia e movemento e unha actuación do cómico Xosé Antonio Touriñán especial para a ocasión.

“En ‘Coruña Acompaña’ imos integrar non só as actividades que xa estamos a desenvolver para os maiores, como as viaxes e excursións que organizan os Centros Cívicos e que comezan esta semana, ou os bailes que retomamos a finais do ano pasado tras a pandemia, senón tamén novas iniciativas como un proxecto piloto de asistencia a través da televisión, as melloras introducidas no novo Servizo de Asistencia a Domicilio (SAD), que comezará a primeiros de abril e unha festa para maiores prevista para finais de marzo”, sinalou Neira, quen agregou que unha parte importante de Coruña Acompaña pasará por mellorar a comunicación e recibir ideas e suxerencias das persoas maiores, para o que se habilitarán canles de comunicación específicas. A reunión de todos os servizos para maiores baixo un mesmo paraugas busca simplificar tamén o acceso ás persoas maiores ao amplo catálogo de actividades municipais, co fin de que todos e todas poidan gozar da oferta existente.