· A actividade supón a continuación do programa ‘Bergondo en feminino’, polo que tamén se lle dará nome de muller ao local social de Cortiñán.
· O obxectivo é continuar divulgando a vida e obra das mulleres de Bergondo, visibilizando as súas achegas á sociedade e reivindicando a igualdade.
· O taller terá lugar o 31 de marzo de 18:15 a 20:45 horas no local social da Senra e hai que inscribirse previamente.
O Concello de Bergondo continúa co seu programa ‘Bergondo en feminino’, impulsado pola concellería de Servizos Sociais, e agora organiza a actividade ‘A igualdade ocupa rúa’, un taller para realizar un deseño colaborativo dun banco pola igualdade.
Esta nova fase do programa municipal ten o obxectivo de continuar divulgando a traxectoria das mulleres bergondesas, visibilizando as súas achegas á sociedade e reivindicando a igualdade a través da instalación deste banco.
O taller terá lugar o venres, 31 de marzo, de 18:15 a 20:45 horas no local social da Senra. A actividade é totalmente grauita pero as persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente chamando ao teléfono 981 791 252 ext.4 ou enviar un correo electrónico a serezabel.rodriguez@bergondo.gal.
A idea do goberno local é, proximamente, estender esta iniciativa e realizar talleres para o deseño de máis bancos do municipio con outras temáticas (familia, maiores…).
Inicios do proxecto
Este proxecto ten o obxectivo de investigar a historia das mulleres do municipio co obxectivo de visibilizar a súa contribución á sociedade. Os resultados do primeiro taller, iniciado no ano 2019, foron moi satisfactorios, tanto cuantitativamente como cualitativamente, atopándose nomes de moitas mulleres das que se rastrexaron datos das súas vidas e ademais conseguiuse a implicación veciñal en todo o proceso, que culminou cunha publicación e unha serie de roteiros en autobús onde se podía coñecer a historia de vida destas mulleres.
Desde o ano 2020 fóronse renombrando os diferentes centros sociais do municipio e outros espazos municipais cos nomes das mulleres homenaxeadas. Nesta nova fase de ‘Bergondo en feminino’ tamén se dará nome de muller ao último dos locais sociais que resta por bautizar, o de Cortiñán.
Durante o 2022 realizáronse dous roteiros a pé para coñecer a vida e obra das mulleres homenaxeadas nos anos 2021 e 2022.