Ángeles Vázquez salienta o traballo da entidade coa organización dunha ampla oferta de actuacións de dinamización, sensibilización, divulgación, formativas e de comunicación, así como de educación ambiental e de asesoramento e documentación
A Xunta salienta a consolidación do Centro de extensión universitaria e divulgación ambiental de Galicia (Ceida) como organismo de referencia en materia de educación ambiental coa oferta de 1.293 actividades, que contaron con 40.203 participantes, durante o pasado ano 2022.
Durante a súa intervención no consello de dirección e na comisión executiva desta entidade, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo en valor que estes datos do balance anual de 2022 supoñen un incremento con respecto aos rexistros en 2021, cando se organizaron 1.278 actividades que contaron con 35.224 asistentes.
Nesa liña, Ángeles Vázquez salientou o traballo do Ceida coa organización dunha ampla oferta de actuacións de dinamización, sensibilización, divulgación, formativas e de comunicación, así como de educación ambiental e de asesoramento e documentación. E puxo como exemplo desa actividade o desenvolvemento de programas de educación ambiental -que contaron con máis de 21.000 participantes-, as exposicións itinerantes ou a colaboración da entidade na elaboración do borrador do Plan de xestión do monumento natural Costa do Dexo.
Logo de subliñar que o Goberno galego destinará este ano máis de 110.000 euros a colaborar co Ceida, a conselleira avanzou algunhas das actividades que se desenvolverán ao longo de 2023 como a campaña de dinamización e sensibilización en torno á figura de Reservas da biosfera e a formativa e de comunicación sobre a importancia das áreas protexidas.