Friday 22 de November de 2024

Neda celebrará o Día Mundial do Teatro coa representación da obra “Crisálida” de Caramuxo


A función terá lugar este sábado ás 18:30 horas na Casa da Cultura

O Concello de Neda conmemorará o Día Mundial do Teatro este sábado ás 18:30 horas coa representación da obra “Crisálida”, de Caramuxo Teatro. Unha compañía que neste 2023 celebra os 20 anos de traxectoria. Trátase dunha proposta dirixida a todos os públicos, de gran formato, sobre un dos comercios tradicionais máis queridos da Coruña -a Mercería Crisálida de San Andrés-, e con ela a compañía quere render unha pequena homenaxe a esas persoas que crean comunidade, que fan que as nosas vilas teñan vida e sexan ricas en historias.

As entradas poden adquirirse, ao prezo de 2 euros para o público adulto e de 1 euro para o infantil, na Biblioteca Municipal -ata o venres de 9 a 13 e de 16 a 19 h, ou o mesmo sábado dende unha hora antes do inicio da función-. Tamén poden reservarse chamando neses horarios ao teléfono 981 39 02 33.

A obra chega a Neda da man do Programa Cultural da Deputación Provincial da Coruña. Un espectáculo de máscara con catro actores -Anahí Taraburelli, Juan Rodríguez, Laura Sarasola Pontón e Josito Porto- e máis de 12 personaxes, dirixidos pola prestixiosa directora Olga Margallo.