O xoves proxectarase o documental “Alegría” na Biblioteca Rego da Balsa e o venres o grupo Chévere representará “N.E.V.E.R.M.O.R.E” no Pazo da Cultura
O 13 de novembro do ano 2022, a costa galega foi escenario dunha das catástrofes medioambientais máis importantes da historia da navegación: o afundimento do Prestige. Vinte anos despois quedan aínda incógnitas por resolver, e esta semana queremos achegarnos a ese episodio da nosa historia recente, que tanto afectou ao litoral carballés, a través de dúas propostas culturais.
Dentro das actividades promovidas pola Deputación da Coruña con motivo do 20º aniversario do accidente, o xoves asistiremos á proxección de Alegría, unha película de Ecoloxistas en Acción e Urco Producións, dirixida por Luis Otero, que lembra ao voluntariado, os mariñeiros e a veciñanza que loitou contra o chapapote.
No argumento, unha moza chamada Nerea, un personaxe real interpretado pola actriz pontevedresa Rocío Romero, que fora voluntaria limpando as costas, traballa nun documental sobre a traxedia, coa perspectiva do paso dos anos. Visita lugares e contacta coas persoas que participaron na loita por recuperar as costas e a súa forma de vida. A peza mestura documental ficticio con imaxes de arquivo e testemuños.
Despois da proxección abrirase unha quenda de intervencións para que o público poida compartir as súas lembranzas, experiencias e opinións sobre a catástrofe.
• Alegría. Prestige, 20 anos despois do desastre
• Xoves 16 de marzo
• 20.30 horas
• Biblioteca Rego da Balsa
• Entrada libre ata completar capacidade
O Prestige tamén é o argumento de N.E.V.E.R.M.O.R.E., a proposta teatral do grupo Chévere, en coprodución co Centro Dramático Nacional, que poderemos ver o venres no Pazo da Cultura.
N.E.V.E.R.M.O.R.E. colle o seu título do grito do corvo do poema de Edgar Allan Poe (Nunca Máis) para presentarnos un exercicio de memoria colectiva arredor da catástrofe do Prestige, abordada desde diferentes vertentes: a través dos testemuños reais de quen o viviu de preto e tamén reproducindo conversas e declaración dos implicados na xestión daquela crise ambiental e política.
Chévere parte da memoria colectiva para contar a historia do Prestige e desfacer o feitizo que segue rodeando a catástrofe, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá do que aconteceu.
• N.E.V.E.R.M.O.R.E
• Venres 17 de marzo
• 21.00 horas
• Pazo da Cultura
• Entradas: 5 € / 3,5 €. Venda anticipada en www.ataquilla.com