Friday 22 de November de 2024

Luís Pérez Barral liderará en Ribeira a candidatura del BNG


“Darei o mellor de min mesmo para construír unha Ribeira en grande”

A Asemblea Local do BNG ratificou por unanimidade a Luís Pérez Barral como candidato á alcaldía de Ribeira. O responsábel local, Xabier Vidal, destacou que con esta decisión o BNG conta cunha persoa magnífica e con capacidade para poñer en valor todo o potencial de Ribeira”. “Luís demostrará que vai ser un gran alcalde se os veciños e veciñas lle dan a oportunidade. Estamos recibindo moi boas valoracións”, enfatizou.

O candidato agradeceu a confianza da súa organización afirmando que Ribeira ten xente extraordinaria e conta con elementos para destacar, só fai falla un goberno á altura. O BNG “vai a por todas” por iso presentará este mesmo mes un equipo plural e preparado para gobernar. “Sabemos que moita xente está vendo en nós a alternativa que Ribeira precisa e imos ofrecerlle un proxecto gañador capaz de desenvolver as potencialidades da localidade”.

Os nacionalistas aseguran que no seguinte mandato non haberá maiorías absolutas, e iso é bo, porque obriga a dialogar e consensuar todos os asuntos importantes. “Imos traballar para liderar a alternativa de goberno en Ribeira porque é hora cambiar as políticas de cemento, de sobrecustos millonarios nas obras públicas a falta de mantemento ou a discriminación das parroquias”. Neste sentido, o candidato nacionalista puxo en valor o traballo feito polo BNG afirmando “se desde a oposición conseguimos impulsar a creación dunha residencia pública nas Saíñas, a creación dun bono para apoiar o comercio e ás familias ou estivemos a carón da veciñanza para defender a sanidade, a educación ou o transporte público, imaxinemos todo o que imos poder facer desde o goberno”.

Sobre Luís

Luís Pérez Barral (Ribeira, 1990) é graduado en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela, título que sacou compatibilizando un traballo na hostalaría. Traballa como técnico na Administración Local. No plano político forma parte do BNG desde hai máis dunha década e ten experiencia institucional como concelleiro desde 2012. Neste tempo asumiu diversas responsabilidades como ser responsábel do BNG na Barbanza ou ser membro do Consello Nacional.