As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 22 de marzo
O Concello de Neda volve a sacar a licitación os traballos de aglomerado de tres intervencións nos camiños de Ardá, Anca e Murallón. Tras dous procesos fallidos, a Administración local incrementaba en preto de 75.000 euros o investimento nas actuacións, elevando ata algo máis de 208.000 euros o orzamento conxunto. Un incremento que asumía con fondos propios, e que trala aprobación en pleno dos proxectos modificados requiría tamén do visto bo da Deputación, xa que se cofinanciarán cos plans provinciais. Un visto e prace que chegaba hai uns días. As empresas poden consultar a documentación na plataforma de contratación do sector público, e presentar as súas ofertas ata o 22 de marzo.
Así, as obras previstas levaranse a cabo nos camiños no Murallón, permitindo deste xeito estender o plan municipal de conservación de vías ao 100% da rede viaria do Puntal, xa que tan só resta aglomerar este camiño na zona. Divídese en tres treitos: o de baixada da Silva a Médico Cebreiro (camiño do Murallón), o de baixada da Silva a Médico Cebreiro (converxente co anterior), e o tramo de entronque entre estas dúas pistas, no lugar da Silva. Na intervención investiranse 63.359,92 euros.
Tamén se prevé o aglomerado do camiño en Ardá, dende Escorial ata Cruz do Pouso, en tres tramos: camiño en Ardá, transversal entre as dúas baixadas, dende Escorial e Cruz do Pouso; camiño en Ardá, dende Escorial ata Mourela Baixa, e subida a dúas vivendas en marxe dereito do camiño principal. Os traballos están orzamentados en 71.255,85 euros.
Por último, a intervención no Camiño Cruz do Pouso-Fontevella, na parroquia de Anca, contempla o aglomerado e a ampliación de cunetas e pintado de viais que quedaran pendentes na área de influencia do camiño. Neste último caso, actuarase nos treitos: Os Cobos-Corredoira; Corredoira–Vila de Anca; Vila de Anca–AC-121; Vilar-Lobeira; Fraguela; Fontevella–Pedrós, e vial acceso cemiterio de Anca. O orzamento ascende a 73.783,54 euros.