Saturday 16 de November de 2024

Abre o local da Federación de Peñas Deportivistas no Palacio de Riazor


A alcaldesa, Inés Rey, acompañou aos peñistas na apertura do espazo logo do convenio de colaboración asinado para a cesión do local

A alcaldesa, Inés Rey, acompañou esta mañá aos peñistas na apertura do local da Federación de Peñas Deportivistas, sito no primeiro andar do Palacio dos Deportes de Riazor. O local foi cedido polo Concello da Coruña á Federación mediante un convenio de colaboración no que, ademais da cesión, recóllese a execución de accións conxuntas para promover boas prácticas deportivas e actividades en materia de igualdade.

O local foi cedido de forma gratuíta durante catro anos, con vistas ao desenvolvemento das súas actividades —organización dos desprazamentos e reunións e convencións coas persoas integrantes das peñas asociadas—. O espazo púxose a disposición exclusiva da entidade co obxectivo de solventar unha demanda da Federación de Peñas desde hai máis de unha década, ao carecer dun espazo específico para recibir ás peñas visitantes.