O concelleiro de Seguridade Cidadá e Barrios e Obras, Gonzalo Muíños; e a responsable de Medio Ambiente e Parques e Xardíns, Mila Castro;percorreron distintas rúas de Fontiñas xunto a unha representación da Asociación veciñal As Fontes, encabezada polo seu presidente, Luís Meijide, para supervisar o estado do barrio e tomar nota das demandas da veciñanza.
En concreto, estudouse o xeito de gañar máis prazas de aparcamento, o cambio de ubicación dunha das marquesiñas de bus, que puntos precisan reasfaltado, o arranxo de distintas lousas soltas, a retirada de cabinas telefónicas que aínda perduran; e outros labores de mantemento, como poda de arbustos, ou a recuperación da fonte do Parque da Pirámide.
Os representantes dos veciños e veciñas agradeceron ese labor de mantemento e limpeza continuado que se está levando a cabo e as actuacións realizadas no barrio. Pola súa banda, o concelleiro Gonzalo Muíños amosou o compromiso do Goberno Municipal de segir traballando “arreo por un barrio” que, indicou, “conta con todos os servizos nunha zona importante para a cidade”.
Barrio das Fontiñas
O Goberno Municipal levou a cabo distintas actuacións en Fontiñas. Entre as máis destacadas, a urbanización do espazo público na rúa do Valiño, que contou cun orzamento de adxudicación de 143.105,97 euros; a reparación do muro entre as rúas de París e Luxemburgo, cun orzamento de adxudicación de 250.029,56 euros; e a recolocación de peitorís nos muros do barrio, actuación á que se destinaron 45.617 euros; ou o acondicionamento do aparcamento da rúa Altiboia, con cen prazas, por un importe de 171.491,4 euros.
Tamén cómpre salientar a cesión, á Xunta de Galicia, dunha parcela de titularidade municipal, situada na rúa de Londres coa confluencia da rúa Berlín, para albergar a futura sede do Imelga. E a reapertura do espazo de lecer María Miramontes, que ofrece in importante servizo de conciliación ás familias de Santiago.
A maiores, realizáronse de xeito contínuo distintas actuacions de conservación e mantemento das vías municipais, como a reparación de pavimentos nas beirarrúas ou o asfaltado; as podas e conservación de xardíns e espazos verdes; e o cambio dos contedores de lixo.