● As zonas peonís, de formigón prefabricado con recubrimento de saburra de canteira e formigón coloreado, melloran un espazo de máis de medio quilómetro.
● Así mesmo, instaláronse 18 luminarias LED coas correspondentes columnas, brazos e caixas de derivación.
O Concello das Somozas continúa os seus plans de mellora das infraestructuras e de seguridade vial en diversos puntos do municipio. Así, vén de rematar os traballos de construción das beirarrúas e do alumeado na zona da Garita.
As novas zonas peonís melloran un espazo de máis de medio quilómetro de lonxitude no que o Concello investiu máis de 79.000 euros. Fabricáronse co bordo en formigón prefabricado, dez centímetros de saburra de canteira e quince de formigón coloreado.
Segundo explicou o alcalde, Juan Alonso Tembrás, o goberno local segue a “concretar proxectos cos que mellorar a rede de infraestruturas e ofrecer novas prestacións á veciñanza”.
Nova iluminación led na Garita
Paralelamente, o Concello das Somozas optimizou as condicións lumínicas na zona da Garita cun proxecto no que investiu máis de 46.000 euros. Instalaranse 18 luminarias LED coas correspondentes columnas, brazos e caixas de derivación.
A vía na que se intervirá componse dun espazo con dous carrís de circulación
de 8 metros de ancho en total e dúas beirarrúas laterais dun metro e medio cada unha.
Realizouse a posta a terra de toda a instalación e completará a actuación a
colocación dun cadro de mando coa conseguinte protección.
“Estas obras responden a unha demanda da veciñanza, e suporá un avance respecto ás condicións estéticas e de seguridade da zona da Garita”, asegurou Alonso Tembrás.