Ao abeiro da programación impulsada con motivo do Día Internacional da Muller, o Auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal acolleu na tarde deste 10 de marzo a mesa coloquio Mulleres liderando o mar. A directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas, e a directora das relacións institucionais de Jealsa, Margarita Hermo, responderon ás preguntas formuladas pola xornalista Aida Pena sobre a fenda salarial, a conciliación ou o acceso a postos máis altos nos organigramas empresariais.
A concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa asesora xurídica á muller, María Pérez, e a axente de igualdade, Carolina Rodríguez, foi a encargada de introduci-lo acto. Durante a súa intervención fixo fincapé na transversalidade desta área que afecta aos distintos servizos. Enumerou así algunhas das medidas en materia de igualdade adoptadas dende a Administración local ao longo destes anos que redundan positivamente tanto na veciñanza coma no propio persoal. E defendeu como unha prioridade contribuír a saír do “chan pegañento” e rompe-lo “teito de cristal”, dous conceptos que fan referencia aos atrancos que deben enfronta-las mulleres, tanto no ámbito privado coma no público.
De feito, na entrevista, ambas directivas afirmaron que nas súas respectivas empresas contan con plans de igualdade, ademais de poñer en valor a presencia feminina. Isabel Cañas subliñou que as mulleres representan o 67% do cadro de persoal de Congalsa e que hai 5 mulleres á cabeza dos 12 postos directivos existentes. Neste senso tamén se pronunciou Margarita Hermo, quen enxalzou o traballo de tódalas mulleres do mar, da conserva, que converteron a Galicia en pioneira neste sector.
Ámbalas poñentes coincidiron na importancia da educación en igualdade e de seguir saíndo á rúa no 8 de marzo para reivindicar.