Friday 22 de November de 2024

O concello pon a disposición da cidadanía trampas e líquido atraínte para capturar raíñas de velutina


A campaña municipal iniciouse hai agora un mes coa colocación dun centenar de trampas en localizacións estratéxicas das trece parroquias.

O Concello iniciou hai agora un mes a campaña de trampeo de avespas velutinas, que se adiantou con respecto a outros anos debido a que as temperaturas suaves do inverno favoreceron que tamén comezase antes o ciclo biolóxico desta especie invasora.

A primeira fase consistiu na colocación, a cargo dunha empresa especializada no control de pragas, dun centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en zonas verdes, parques e prazas de titularidade pública.

Pero nesta campaña municipal é imprescindible a colaboración cidadá, e para iso o Concello pon a disposición da veciñanza larachesa tanto trampas como líquido atraínte para colocar principalmente en xardíns particulares. A partir do luns, aquelas persoas interesadas poden recoller o material acudindo á Casa Consistorial.

O Concello insiste na importancia de centrar os esforzos neste momento do ano, xa que a captura de cada raíña impedirá a formación dun niño primario no que poden criarse ata tres mil nespras.
Así mesmo, lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia e que a empresa pública Tragsa poida proceder á súa eliminación.