Saturday 16 de November de 2024

O Concello impulsa o deporte solidario coa carreira Costa Ártabra, que unirá Oleiros e A Coruña cun percorrido de dez quilómetros


A proba celebrarase este domingo 12 de marzo, e coa súa posta en marcha búscase visibilizar a inclusión social e mellorar a calidade de vida das persoas vulnerables

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, presentou hoxe no Palacio Municipal de María Pita a primeira edición da carreira solidaria Costa Ártabra, que se celebrará o vindeiro domingo 12 de marzo entre Oleiros e A Coruña.

A carreira está organizada polo Comité Antisida de Coruña (CASCO) —que desenvolve desde hai tempo iniciativas en torno ao deporte como ferramenta de inclusión social— e BoxFit. Os beneficios da carreira destínanse a un programa médico-sociodeportivo no que participa a unidade de VIH do CHUAC.

Coa concelleiro estivo Sonia Valbuena, directora do Comité Antisida da Coruña (CASCO), así como representantes do Concello de Oleiros e da Xunta, que apoian tamén a proba..

Yoya Neira animou á participación nesta cita solidaria e destacou a vertente social do proxecto. “Agardamos que a esta primeira edición da carreira Costa Ártabra se sumen moitas edicións máis, para que se cumpra o obxectivo que compartimos desde o Concello cos seus organizadores: o de ampliar cada vez máis o seu programa a outros colectivos en situación de desigualdade”, sinalou a concelleira.

A saída da proba terá lugar este domingo 12 ás 10.00 horas, desde o camiño de Bastiagueiro Pequeno, no concello de Oleiros, e a meta estará no paseo peonil do Parrote, xa na Coruña. O percorrido será, na seu meirande parte, pegado á costa.

As persoas participantes terán a opción de desprazarse ata o punto de saída da carreira, en Oleiros, por medio dos buses lanzadeira que se porán ao dispor das e dos corredores que así o soliciten no procedemento de inscrición.

A atleta olímpica Julia Vaquero será a madriña da carreira, que contará coa canción ‘Un día nada más’ como himno oficial. O seu autor, Enrique Villareal ‘El Drogas’, cedeu gratuitamente os dereitos de cara á celebración desta proba deportiva solidaria.