Teresa Villaverde confirmou que a partida de 854.689 euros para investimentos en 2023, un 52,77% máis que en 2022, verase incrementada ata os 2,95 millóns de euros
O pleno de Lousame aprobou na noite de onte xoves, en sesión extraordinaria, os Orzamentos Municipais para 2023, que se presentan equilibradas e suman 3.592.521,72 euros, un 13,68% máis que 2022 (3.160.238,71 euros). Unhas contas que foron aprobadas cos votos a favor do PP, a abstención do PSOE e o voto en contra do BNG.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que se trata dun “orzamento realista, cun esforzo moi importante en Servizos Sociais, que representa o 48% do gasto corrente de 2023, e en cultura e deporte, que representa o 15%”. Así mesmo, destacou a partida de investimentos reais, onde se contemplan 854.689 euros (un 52,77% máis co exercicio anterior) pero indicou que estas cifras xa están obsoletas porque “nas últimas semanas recibimos a confirmación doutros investimentos, que non están incluídos neste documento e que incrementan a inversión en 2,1 millóns de euros máis”.
Investimentos reais
O capítulo 6 do Orzamento de gastos ten consignados investimentos por un importe de 892.205,16 euros, dos que 385.442,07 euros se destinan a proxectos de pavimentación de camiños e accesos a aldeas. Así, no 2023 pavimentaranse os camiños de Carantoña a Abeixón (87.065,6 euros), de Aldarís ao cruce de Burzó (134.320,7 euros) e da estrada DP-4201 á Igrexa de Lousame (30.000 euros). Así mesmo, pavimentaranse os accesos ao núcleo de Guiende (40.145,22 euros), a Fontefría e Riba da Bica (57.528,62 euros) e Vilar (36.381,93 euros). A maiores, destinaranse 101.577,48 euros á mellora do viario de Cruído.
O anexo de investimentos para 2023 contempla tamén 250.107,93 euros para a redución da contaminación lumínica e mellora da eficiencia nos alumeados públicos, proxecto cofinanciado co IDAE. Así mesmo, inclúense 12.000 euros para adquisición de terreos para a depuradora de Berrimes e 18.504 euros para traballos de saneamento en Cerquides. O Concello de Lousame tamén investirá 86.389,58 euros a mellora das instalacións térmicas na Casa da Cultura, para a que tamén se contempla a adquisición dun novo proxector así como mobiliario e material informático para as oficinas xerais. Finalmente, contémplase unha partida de 29.999,99 euros para un proxecto de sinalización turística.
Melloras en saneamento e no CPI Cernadas de Castro
Sobre esta cifra, Teresa Villaverde aproveitou a sesión plenaria para detallar unha serie de proxectos cuxa confirmación chegou unha vez pechados os orzamentos de 2023 pero que se executarán neste ano. O máis importante é o convenio con Augas de Galicia para o investimento de 1.108.000 euros na depuradora e o bombeo de Berrimes, dos que o Concello achegará 11.200 euros en 2023 e 221.000 euros no 2024. “Neste momento estase tramitando un cambio no convenio para que o pago da anualidade de 2024 teña lugar unha vez que se remate a obra e non no primeiro trimestre”, explicou Villaverde Pais.
Outro proxecto importante son os 400.000 euros confirmados pola Xunta de Galicia para a mellora do CPI Cernadas de Castro. “Vaise actuar na parte máis antiga do inmoble, especialmente na fachada de Infantil, onde se cambiarán as fiestras” para mellorar o illamento térmico do colexio. Así mesmo, confirmou que a Secretaría Xeral de Deportes achegará 219.988 euros para os vestiarios do campo de fútbol municipal da Silva.
Así mesmo, lembrou a recente sinatura dun convenio coa Deputación da Coruña para investir 101.577 euros na mellora da seguridade viaria en Cruído, no que se creará unha beiravía transitable e se ampliará e ampliará a calzada, ademais de dar continuidade ás redes de saneamento, pluviais e alumeado. Do Plan Hurbe, a Xunta achegará 210.174 euros para a humanización do interior da aldea de Camboño e anunciou un incremento do Plan de Camiños Rurais, de 57.000 a 62.164 euros.
Finalmente, a alcaldesa de Lousame indicou que o Capítulo I de gastos de persoal ascende a 1.164.487,38 euros debido á suba do 2,5% e os incrementos derivados da RPT. No Capítulo II, correspondente a Gasto Corrente, ascende a 1.254.699,11 euros, dos que o 48% (607.084 euros) van destinados a Servizos Sociais. Cultura e Deporte recibirá unha achega de 177.89,08 euros, o que representa o 15% do total.
A voceira municipal do PSOE, Beatriz González Bargo, e o voceiro municipal do BNG, Anxo Moledo, coincidiron en lamentar que non dispuxeran de máis tempo para analizar o documento en profundidade, ao que a alcaldesa respondeu que “sería contraproducente atrasar a aprobación dos orzamentos” e lembrou que “coa estabilización dos postos de traballo non se puido sacar antes”.
Resto da sesión
O resto dos puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. Así, aprobouse a formalización dun crédito extraordinario de 117.458,78 euros para o pago de facturas de 2022 e o correspondente recoñecemento extraxudicial de crédito (rec 3/2023) para o seu pago con cargo ao remanente de tesourería. Así mesmo, corrixiuse un erro detectado na RPT e que afectaba a un traballador.
Finalmente, a alcaldesa deu conta do período medio de pago do cuarto trimestre de 2022 (24,44 días) e da liquidación do orzamento de 2022, cun remanente de tesourería de 139.956,11 euros e un aforro neto positivo de 107.919,23 euros. “Foi un ano complicado, economicamente falando, e a liquidación saíu bastante ben dentro do posible”, concluíu Teresa Villaverde.
A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, deu lectura a un manifesto institucional acordado polos tres grupos municipais co gallo do 8 de marzo, día da muller traballadora.